A Fundación ECCA e Política Lingüística amplían as posibilidades de formación en galego a través do medio radiofónico

As dúas entidades promoven un proxecto pioneiro no ensino do galego que se basea na impartición de cursos Celga a través dunha cadea de emisoras

Xov, 12/08/2010 - 10:50

A Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrece novas alternativas para facilitar a formación de persoas adultas en galego. Faino en colaboración coa Fundación ECCA, que impartirá durante este ano cursos preparatorios para o Certificado de lingua galega (Celga) a través da súa rede de emisoras radiofónicas.

Este ano, ademais, a Fundación ECCA ofreceralle un novo servizo ao seu alumnado: a posibilidade de formarse en galego a través de Internet, xa que se poderán descargar os documentos escritos e sonoros dos cursos Celga 1 ao Celga 4 na web de Radio ECCA.

Facilitar o acceso á aprendizaxe da lingua galega

Estes cursos Celga están dirixidos ás persoas adultas que, pola súa situación laboral ou de localización xeográfica, teñen dificultades para acceder á oferta formativa habitual en galego. Polo tanto, o fin prioritario desta iniciativa é facilitarlle a posibilidade de recibir formación en galego a un sector da sociedade que precisa dunhas condicións e horarios especiais.

Os cursos, un total de catro –dos niveis Celga 1 ao Celga 4–, teñen unha duración de 75 horas. A súa organización baséase na metodoloxía semipresencial, que combina a escoita a través das emisións abertas de ECCA ou a escoita grazas á rede en mp3, a clase a distancia con material didáctico impreso e a asistencia a clases nas que se practica a expresión oral.

A Fundación ECCA, que ten como representante en Galicia a Carmen Dios, é unha entidade de ámbito nacional que se dedica á formación de adultos a través dunha cadea de emisoras culturais de radio. Concretamente en Galicia dispón dunha rede de centros de educación permanente de adultos distribuídos polas catro provincias da comunidade, o que supón unha infraestrutura idónea para estender a cobertura do territorio.

Aproveitar as vantaxes das TIC para ampliar a oferta formativa

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo está a facer unha aposta decidida para darlle facilidades ao amplo sector da poboación adulta que desexa adquirir ou mellorar a súa competencia en galego. Froito deste esforzo é o primeiro curso en liña orientado á preparación da certificación de lingua galega no nivel 1, que botará a andar o próximo 4 de setembro. Trátase dun primeiro paso nun ambicioso proxecto que aproveita as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías da información e da comunicación para os medios formativos.

Menús News node R

Departamento

Colectivo