Cultura e Educación presenta en Santiago 'As fabas máxicas', a proposta de lecer en galego que retoma a súa xira no marco do 'FalaRedes 2014' co apoio da Deputación da Coruña

Tras o descanso estival a obra de teatro infantil tamén visitará este mes Outes, Cabana de Bergantiños, Curtis, Dumbría e Toques

O secretario xeral de Política Lingüística destacou que o obxectivo desta actividade é que a xente miúda se achegue á dramaturxia en galego

As entradas para ver a función en Compostela, este domingo no Auditorio de Galicia, xa se poden recoller no despacho de billetes do Teatro Principal

Mar, 16/09/2014 - 13:24
 Cultura e Educación presenta en Santiago 'As fabas máxicas', a proposta de lece
Cultura e Educación presenta en Santiago 'As fabas máxicas', a proposta de lecer en galego que retoma a súa xira no marco do 'FalaRedes 2014' co apoio da Deputación da Coruña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe en Santiago de Compostela a obra de teatro infantil “As fabas máxicas”, que este domingo se poderá ver na capital galega no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2014.

En rolda de prensa, García Gómez explicou que, tras chegar con grande éxito a preto de 2.000 persoas nos 22 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia que visitou entre abril e xuño, a peza de Caramuxo Teatro inicia esta semana a segunda quenda da súa xira tras ampliarse o calendario con seis pases máis grazas á colaboración económica da Deputación da Coruña, en virtude da súa participación na RDL.

Así, tras reencontrarse o sábado coa xente miúda de Outes, “As fabas máxicas” chegará o domingo a Santiago de Compostela, cunha función ás 12:30 h na sala Mozart do Auditorio de Galicia. Ata finais de mes, os concellos de Cabana de Bergantiños, Curtis, Dumbría e Toques tamén poderán gozar desta actividade que fomenta o galego de xeito lúdico entre a cativada e as súas familias.

Consolidar a oferta de lecer

O secretario xeral lembrou que se trata dunha das cinco propostas incluídas na terceira edición do programa FalaRedes, co que se busca "reforzar e consolidar a oferta de lecer en galego dos concellos implicados na promoción da lingua con actividades novidosas e grazas a artistas que apostan polo idioma de Galicia como ferramenta da súa creatividade".

Destinada ao público familiar, nomeadamente á xente miúda, con esta nova versión do coñecido conto infantil “Xan e as fabas máxicas” perséguese que os nenos e nenas se acheguen á dramaturxia en galego por medio dunha obra de coidada estética na que o humor, a emoción e a palabra van da man.

No acto de presentación, que tivo lugar esta mañá no Pazo de Raxoi, Valentín García estivo acompañado pola concelleira de Normalización Lingüística, María José Corral, e por Juan Rodríguez, responsable de Caramuxo Teatro -empresa xestora da actividade- e protagonista do espectáculo de monicreques.

As entradas, no Teatro Principal

As persoas interesadas en velo este domingo na capital galega poden retirar as entradas ata o sábado no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual - entre as 18:00 e as 21:00 horas-.

Dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos de idade, “As fabas máxicas” é un espectáculo contado en primeira persoa, no que o propio Xan nos narra a súa sorprendente historia coa axuda duns simpáticos monicreques. Tras criarse na aldea con súa avoa, Xan vive agora de adulto nun apartamento de Nova York. Un día, coidando as plantas da súa terraza, descobre algo que lle fai lembrar unha infancia chea de aventuras.

FalaRedes 2014

Ata finais de ano FalaRedes chegará, durante as fins de semana e os festivos, á totalidade de concellos da RDL a través de cinco actividades con 150 sesións gratuítas. Completan a programación desta terceira edición do programa o concerto Toc Toc e a xincana Augalingua, que xa concluíron con grande éxito as súas respectivas xiras.

A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para unha mellor planificación e coordinación do fomento da nosa lingua no eido da Administración local, e que na actualidade conta con preto de 160 entidades adscritas.

Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

Menús News node R