Cultura e Educación organiza en Madrid, en colaboración coa UNED, as Xornadas internacionais ‘Literatura galega: identidade, alteridade e exilio’ por medio do Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense
Desenvolveranse do 18 ao 20 de setembro na Facultade de Filoloxía e Filosofía do Campus da Moncloa e contarán con relatorios e conferencias de máis de 90 especialistas do universo lingüístico e literario galego, procedentes de diferentes universidades españolas e estranxeiras
No acto de clausura participará o secretario xeral de Política Lingüística
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza a vindeira semana en Madrid as Xornadas Internacionais UCM-UNED 2014 “Literatura galega: identidade, alteridade e exilio”, por medio do Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade Complutense de Madrid, dependente da Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia.
O evento, no que participarán como relatores e conferenciantes máis de 90 investigadores, profesores e escritores do universo lingüístico e literario galego procedentes de diferentes universidades españolas e estranxeiras, desenvolverase do 18 ao 20 de setembro na Facultade de Filoloxía e Filosofía do Campus da Moncloa. O acto de clausura contará coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Xornadas Internacionais UCM-UNED 2014 ‘Literatura galega: identidade, alteridade e exilio’
As Xornadas Internacionais UCM-UNED 2014 "Literatura galega: identidade, alteridade e exilio", organizadas conxuntamente polo CEG de Madrid -un dos 36 cos que conta a Secretaría Xeral de Política Lingüística- e mais a UNED pretenden facer unha posta en común das liñas de investigación que se están a desenvolver nos centros galegos das universidades do mundo e noutras institucións, nomeadamente no ámbito da literatura galega fóra de Galicia e do estudo da identidade, a alteridade e o exilio.
Os directores son Carmen Mejía, responsable do CEG de Madrid; e Xavier Frías, profesor da UNED; mentres que o comité científico o integran Ana Acuña, Xesús Alonso Montero, Antonio Domínguez, Alberto Gómez, María Victoria Navas, André Pociña, Poepanga Chelaru e Juan Miguel Ribera.
O encontro pretende favorecer o contacto entre profesores, investigadores e estudantes interesados no coñecemento e estudo da literatura galega, así como fomentar o intercambio científico entre os relatores e os asistentes. Ademais, busca abrir e estimular o diálogo entre as distintas xeracións pertencentes á colectividade galega.
Están destinadas a profesores, investigadores e estudantes, Departamentos de Romanística, centros galegos en España, Portugal, Hispanoamérica e do resto do mundo, escolas oficiais de Idiomas e outras institucións interesadas no estudo da lingua, da literatura e da cultura galega.
O prazo de inscrición está aberto ata o día de inicio das xornadas (xoves 18) e pódese consultar toda a información no ederezo oficial http://cegmadrid.wix.com/simposioucm-uned2014.
O Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense
O Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense de Madrid é un dos 28 centros dependentes da Consellería dirixida por Xesús Vázquez Abad que conta con Lectorado de Lingua, Literatura e Cultura Galegas, e pertence á Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, á que están adscritos no momento actual un total de 37 departamentos universitarios españois e estranxeiros.
É froito dun convenio de colaboración asinado xa hai xa 20 anos entre a Xunta de Galicia e a Universidade Complutense de Madrid. Conta cun lectorado de galego a través do que se imparte docencia de lingua, literatura e cultura galegas nas materias ofertadas dentro dos plans de estudo de titulacións pertencentes á facultade de Filoloxía (Lingua galega I, Lingua galega II e Lingua e Lingüística) e está adscrito ao departamento de Filoloxía Románica. Cada ano, arredor dunha vintena de alumnos e alumnas estudan lingua, literatura e cultura galegas nesta universidade.
Este centro é o impulsor da coñecida revista de estudos galegos Madrygal, que lle dá acollida a traballos meritorios arredor da lingua, da literatura e a cultura galegas. Trátase da única revista que desde o ano 1998 se vén publicando con periodicidade anual e que desenvolve esta temática desde o ámbito universitario español de fóra de Galicia. No ano 2014 chegou ao décimo sétimo número.