O concurso 'Os Bolechas e o Sabichón' volve percorrer as vilas galegas da man do FalaRedes, de Cultura e Educación

A actividade de fomento do galego que triúnfa entre os máis novos retoma tras as vacacións a súa xira pola Rede de Dinamización Lingüística para facer as delicias dos nenos e nenas de Ribadavia, Burela e Ponteareas esta semana

Tamén no marco do FalaRedes 2014, o concerto de fados 'Os sons do vento que pasa' chega este domingo a Baiona

Xov, 04/09/2014 - 13:30
O concurso 'Os Bolechas e o Sabichón' volve percorrer as vilas galegas da man do
O concurso 'Os Bolechas e o Sabichón' volve percorrer as vilas galegas da man do FalaRedes, de Cultura e Educación

O concurso infantil Os Bolechas e o Sabichón volverá percorrer desde esta semana as vilas galegas da man do programa de dinamización lingüística FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A exitosa actividade reencóntrase así coa xente miúda tras as vacacións de agosto, logo de que máis de 8.000 cativos e as súas familias participasen entre maio e xullo no divertido concurso-teatro que enfronta os irmáns Braulio e Loli Bolechas.

Os Bolechas e o Sabichón aterrarán mañá no municipio ourensán de Ribadavia, ás 18:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura, mentres que o sábado chegarán ao lucense de Burela, tamén ás 18:00 horas na Casa da Cultura, e o domingo ao pontevedrés de Ponteareas, ás 12:45 horas no Auditorio Reveriano Soutullo.

Quen tamén proseguirá coa súa xira polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia no marco do FalaRedes 2014 será Os sons do vento que pasa, o concerto de fados en galego que estivo dinamizando a nosa lingua por toda Galicia durante o mes de agosto. O espectáculo de Elefante Elegante atoparase este domingo coa veciñanza da vila pontevedresa de Baiona, ás 22:00 horas na Praza do Concello.

Os Bolechas e o Sabichón

No concurso, dirixido aos nenos e nenas de 4 a 8 anos, os bonecos Braulio e Loli teñen que superar como líderes de cadanseu equipo unha serie de preguntas e probas moi divertidas, para o que contan coa axuda do público, o que converte a xente miúda en parte activa e protagonista do espectáculo dinamizador.

Mediante esta estratexia poténciase a identificación dos asistentes á actividade cos Bolechas, todo un referente positivo estreitamente asociado ao galego, ao falar sempre na nosa lingua, tanto nos libros coma nos programas de televisión ou nos espectáculos coma este, incluído na programación do FalaRedes 2014.

Os sons do vento que pasa

Destinada ao público en xeral, esta proposta do FalaRedes 2014 achéganos a música tradicional portuguesa a través do idioma propio de Galicia, nunha coidada actuación na que Gonçalo Guerreiro pon a voz e Dani Pais o acompañamento musical e dixital.

As cantigas, acompañadas de guitarra eléctrica e de pedal de loops, así como de sedutores xogos de iluminación, conservan o seu encanto orixinal, pero gañan unha dimensión contemporánea que seduce tanto os mozos coma os non tan mozos.

FalaRedes 2014

Ata finais de ano, FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de cinco actividades con 150 sesións gratuítas coas que reforzará a súa oferta de ocio na nosa lingua.

Completan a programación desta terceira edición do programa o concerto Toc Toc e a xincana Augalingua, que xa concluíron con grande éxito as súas respectivas xiras, e a obra de teatro infantil As fabas máxicas, que o próximo 19 de setembro tamén volverá a atoparse co público tras o descanso estival.

Toda a información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

Menús News node R