O conselleiro de Cultura e Educación salienta o investimento de preto de 1,27 millóns de euros para remodelar e ampliar o CEP de Ventín
Xesús Vázquez Abad visitou hoxe o centro educativo, que incrementou nun 33% o seu número de prazas grazas á reforma
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá o CEP de Ventín tras as obras realizadas para a súa completa remodelación e ampliación. Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a importancia desta actuación que “cun investimento de preto de 1,27 de euros permitiu incrementar nun 33% o número de prazas deste colexio, pasando das anteriores 450 ás actuais 600”. “Esta obra eleva a preto de 1,37 euros o investimento no centro, que forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e conta cunha aula dixital, e no que xa se teñen realizado desde 2009 outras melloras, fundamentalmente na cuberta”.
No seu percorrido polo centro o conselleiro estivo acompañado polo director do CEP, Alfredo Rodríguez; e mais polo alcalde de Ames, Santiago Amor.
Un centro novo
As obras de reforma e ampliación do CEP de Ventín supuxeron actuar na práctica totalidade do edificio, ampliando con zonas de nova construción a ala sur tanto en superficie como dotándoa dunha altura máis. A nova superficie resultante aloxa 7 aulas de educación primaria, un aula de usos múltiples e 2 aulas de apoio, ademais de zonas de servizos comúns e instalacións. Deste xeito o centro pasou de ter 18 unidades a ter 24, o que supón un incremento de 150 prazas para alumnas e alumnos, dando resposta ás necesidades da comunidade educativa.
Ademais das zonas de nova construción executáronse unha serie de reformas sobre a distribución existente, o que supón que se actúa practicamente na totalidade da edificación. Neste sentido modificouse a localización da biblioteca para aumentar a súa superficie e posibilitar o acceso directo desde o exterior; e trasladouse o cuarto de caldeiras e o local de cadros eléctricos, o que permitiu ampliar e mellorar o espazo do conserxe. Ademais das reformas indicadas, levouse a cabo a substitución de toda a instalación eléctrica e lumínica e a adaptación da instalación contra incendios.
No referido ao sistema construtivo, a prioridade foi realizar un deseño o máis lixeiro respondendo ás necesidades de funcionalidade dos edificios docentes e buscando, ao mesmo tempo, a súa durabilidade e facilidade de limpeza e mantemento.