Xesús Vázquez Abad visitou as instalacións dos colexios de educación infantil e primaria Virxe do Carme e Monte Baliño aos que a Consellería destina preto de 100.000 euros para melloras
En Sober destínase un presuposto de máis de 41.000 euros para facer reformas na biblioteca, nos baños, e no acceso ao ximnasio, así como para facer o peche perimetral do pavillón
No concello de Pantón lévanse a cabo diferentes obras de mellora e adecuación cun orzamento de preto de 56.000 euros
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou, durante o día de hoxe, as instalacións dos colexios de educación infantil e primaria Virxe do Carme, no concello de Sober, e Monte Baliño en Pantón para comprobar o estado dos traballos realizados por valor de preto de 100.000 euros.
CEIP Virxe do Carme
De eles, máis de 41.000 euros foron investidos, pola Consellería, no CEIP Virxe do Carme de Sober para facer reformas na biblioteca, no baño infantil e no acceso ao ximnasio, así como para facer o peche perimetral do pavillón. Grazas a estas accións do departamento de Vázquez Abad, o vindeiro curso académico un total de 52 alumnos poderán gozar dunhas instalacións educativas en óptimas condicións.
Acompañado pola delegada territorial na provincia, Raquel Arias; o xefe territorial, José Jesús Ramos; o alcalde do concello de Sober, Luís Fernández Guitián; e o director do centro, Xosé Manuel López Santos, Vázquez Abad percorreu as instalacións para comprobar o estado das obras.
Cómpre recordar que ademais destas actuacións o departamento de Xesús Vázquez Abad destina anualmente preto de 130.000 euros ao centro para os servizos de transporte escolar e comedor.
CEIP Monte Baliño
Por outra banda, o departamento de Cultura e Educación destinou preto de 56.000 euros ao CEIP Monte Baliño, no concello de Pantón, para realizar unha serie de obras de mellora e adecuación grazas ás cales un total de 51 alumnos contarán o curso académico 2014/2015 dunhas mellores instalacións.
Ademais do orzamento para obras, a Consellería inviste preto de 200.000 euros para cubrir as necesidades de transporte e comedor.
Durante o recorrido polas instalacións o conselleiro de Cultura e Educación estivo acompañado pola delegada territorial na provincia, Raquel Arias; polo xefe territorial, José Jesús Ramos; o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez Blanco; e polo directora do centro, Mª Teresa Fernández Luaces.
Con esta visitas a Consellería de Cultura e Educación reafirma o seu compromiso cos centros educativos nos que sumou máis de 73,8 millóns de euros en investimentos no período 2009-2014. O departamento dirixido por Vázquez Abad rematou as actuacións en 21 destes centros, o que supuxo unha achega de preto de 50 millóns, e ten neste momento en execución ou licitación actuacións noutros 10 por un orzamento de máis de 25 millóns.