O Consello da Xunta revisa os concertos educativos cos centros escolares para os dous vindeiros cursos

A revisión do número de unidades concertadas faise necesario para garantir a xestión eficiente dos recursos públicos, debido ás variacións da matrícula e atendendo ás necesidades educativas de cada zona

Xov, 05/08/2010 - 17:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de realizar unha modificación nos concertos educativos cos centros escolares para o próximo curso académico, de acordo coa normativa vixente pola que se ditan as normas para a aplicación do réxime de concertos, publicada en xaneiro de 2009, e que beneficiarán a preto de 86.000 estudantes galegos.

Conforme os requisitos establecidos pola devandita normativa, a Consellería de Educación procede a variar as unidades concertadas en educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial e ciclos formativos de grao medio e superior en atención ás necesidades educativas de cada zona e das variacións da matrícula.

Por outra banda, na orde á que deu hoxe o visto e prace o Consello da Xunta inclúense as unidades concertadas para que os estudantes de FP realicen nelas a formación en centros de traballo (FCT), relativa a ciclos formativos dun só curso que estiveron concertados no curso académico 2009/2010. Esta formación desenvolverase entre os meses de setembro e novembro de 2010.

Xestión eficiente

Coa modificación dos concertos educativos a Xunta de Galicia demostra a eficiencia coa que xestiona os recursos públicos, axustando o número de unidades concertadas á matriculación e necesidades educativas das distintas zonas en cada momento.

En total, a Consellería de Educación mantén 3.840 unidades concertadas. O vindeiro curso destinaranse para estes concertos 257.045.369 millóns de euros, cantidades coas se cobre o salario dos docentes ademais dunha cantidade para gastos (luz, calefacción, material de oficina e persoal de administración e servizos). Estas asignacións son determinadas pola Xunta de Galicia nos seus orzamentos en base a recomendacións marcadas polo Ministerio de Educación.