A Consellería de Educación destinou case 500.000 euros a realizar obras no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela

Xov, 05/08/2010 - 16:30

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria destinará 473.424 euros á realización das obras de emerxencia no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela.

A consellería encargoulle a execución das obras á empresa Construcciones Exisa, S.A, co fin de solventar os perigos ocasionados polos derrubamentos. Así, a Xunta de Galicia garante a seguridade da comunidade educativa do CIFP, así como a da comunidade de veciños que limita con el.

Medidas de emerxencia

De xeito provisional, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria levou a cabo medidas de contención das terras para evitar novos desprendementos. Así, procedeuse á realización dunha obra para o desvío das augas de escorregada de xeito que non afectase o noiro do centro educativo, e colocáronse testemuñas para avaliar o avance das fendas aparecidas na estrutura do polideportivo. As obras agora autorizadas consisten na construción dunha dobre pantalla de micropilotes e un muro de contención, no peche do soto e na restitución do noiro segundo o estado orixinal.

As medidas tomadas pretenden restablecer a seguridade dos alumnos debido á situación de emerxencia provocada polos desprendementos, evitando perigos que poden derivar deste feito. Dado que o estudo xeotécnico elaborado establece a necesidade de actuar desde as parcelas situadas na rúa Santa María e en tempo seco para evitar danos maiores e garantir a seguridade dos traballos, procederase a partir de agora a desenvolver as obras completas, para que o centro estea rematado para o inicio do próximo curso. Para o inicio das obras de restauración houbo que esperar ademais a contar coa autorización das comunidades de propietarios dos edificios adxacentes, o que se ultimou a pasada semana.

Menús News node R