O conselleiro de Educación anuncia que mañá no Consello da Xunta se aprobará o investimento de máis de 6,5 millón de euros na construción do novo IES de Milladoiro

A Consellería de Educación desenvolverá o proxecto de execución da obra con cargo aos seus orzamentos, e que no presente prevé unha execución superior aos dous millóns de euros

Mér, 04/08/2010 - 14:34
Convenio de colaboración para o inicio da construción dun novo IES no Milladoiro
Convenio de colaboración para o inicio da construción dun novo IES no Milladoiro

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad,  anunciou hoxe que mañá no Consello da Xunta quedará aprobada unha partida de máis de 6,5 millóns de euros para a construción do novo IES de Milladoiro.

Vázquez Abad deu a coñecer esta información no encontro mantido co alcalde de Ames, Carlos Antonio Fernández Castro, no que se asinou un convenio de colaboración para a construción do novo centro.

Para iso, o Consello da Xunta outorgará a autorización para o expediente de gasto polo que se investirán máis de 6,5 millóns de euros ata 2012 para construír un centro no que as alumnas e alumnos poderán cursar estudos nas súas 16 unidades de ESO e 3 de Bacharelato. O IES contará ademais con unhas completas instalacións deportivas, así como con servizo de cafetería e local para comedor, entre outras dependencias.

Con esta finalidade o Concello comprométese mediante o convenio a entregar o terreo con tódolos seus servizos urbanísticos a pé de parcela, outorgar a licenza urbanística e contribuír nun importe económico por contía semellante ás das taxas e impostos da obra.

Durante o encontro co alcalde de Ames, o conselleiro recordou que “a Consellería ten en conta as necesidades dunha zona como Milladoiro que durante os últimos anos estivo a vivir un gran aumento demográfico o que implica unha necesidade da que desde Educación somos conscentes, de xeito que nun período de tempo se activou a adquisición do terro, a redacción do proxecto construtivo e a inminente licitación da execución da obra, que é inminente”. Asemade Vázquez Abad recordou que “con este convenio cúmprese paso por paso con todo o que se ven acordando co alcalde de Ames, nos diferentes encontros mantidos ao longo dos últimos meses”.

O orzamento do primeiro ano

O 21 de novembro de 2005 asinouse o protocolo entre a Consellería e o Concello, pero non foi ata marzo de 2009 cando se completou pola entidade local a documentación preceptiva para poder dar trámite ao procedemento de aceptación dos terreos por parte da Xunta de Galicia. Tras isto, o proceso culminou coa publicación no DOG o paso 21 de xullo de 2010 do decreto polo que se acepta a cesión a título gratuíto do inmoble. Deste xeito, os traballos comezarán xa en 2010, para o que os orzamentos da Consellería contan xa cunha partida orzamentaria, de case 2,2 millóns de euros.

Con este investimento, desenvolvido en pouco máis dun ano, a Consellería de Educación volveu a demostrar o seu traballo a prol da educación. Dando, deste xeito, un salto cualitativo e cuantitativo nas edificación da rede de centros públicos de ensino non universitaria de Galicia. Así, vólvese a dar resposta ás necesidades educativas da Comunidade, impulsando ao mesmo tempo para todo o alumnado a igualdade de acceso a uns centros educativos de vangarda con instalacións de calidade.