O conselleiro de Educación despide a preto de cen escolares galegos que viaxarán a Canadá para mellorar as súas competencias en inglés

Este ano a convocatoria para mellorar no estranxeiro o nivel de inglés e francés beneficiará a un 16% máis de alumnas e alumnos respecto do curso pasado

Mar, 03/08/2010 - 09:43
Cen escolares galegos que viaxarán a Canadá
O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, a delegada da Xunta en Vigo, Lucia Molares, e o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez despedindo os estudantes

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, despediu onte pola mañá a 96 estudantes galegos que viaxarán a Canadá para mellorar as súas competencias en inglés, dentro dos cursos organizados pola Xunta de Galicia. Deste xeito ao longo deste verán os estudos para a aprendizaxe de linguas estranxeiras beneficiarán a 3.077 alumnas e alumnos galegos.

Vázquez Abad estivo en Vigo despedindo aos estudantes que vivirán a experiencia de pasar tres semanas en Canadá onde, tal e como el mesmo sinalou “non só ides mellorar as vosas competencias nun idioma tan importante como o inglés, senón que ademais teredes a posibilidade de coñecer outro país e outros costumes”. O titular de educación da Xunta estivo acompañado polo xefe territorial de educación, César Pérez Ares.

O conselleiro dirixiuse ás alumnas e alumnos aos que lles recordou que “todos vós xa sabedes a importancia desta oportunidade que se vos presenta para ter unha mellor formación, cada día máis importante. Ademais, vivimos nun momento de crise económica polo que debedes valorar o esforzo que se fai desde a Administración para que teñades a mellor base posible para enfrontarvos a todos as situacións académicas e laborais que tendes que vivir no futuro”.

As preto de cen alumnas e alumnos que hoxe comezaron a súa viaxe forman parte dos 420 de 1.º e 2.º de bacharelato que terán a ocasión de viaxar ao continente americano. Trescentas vinte prazas son para aqueles que opten polo inglés, mentres que o outro centenar son para escolla o francés.

Este ano realizarán estes cursos máis de 3.000 estudantes, un 16% máis que na anterior convocatoria, de 6º de educación primaria, 1º, 2º, 3º, 4º de educación secundaria obrigatoria; e 1º e 2º de bacharelato, que están a cursar os seus estudos en centros educativos sostidos con fondos públicos da comunidade autónoma de Galicia.

Ao longo do mes de xullo, agosto, e setembro 371 seleccionados da provincia de Lugo; os 325 de Ourense; 1.272 da Coruña e 1.109 de Pontevedra, desenvolverán as actividades programadas para mellorar as súas competencias en inglés e francés.

Os seleccionados xa están a viaxar a distintas zonas, en función do curso que estean a desenvolver e do idioma a mellorar. Deste modo haberá actividades en España, Francia, Reino Unido, Irlanda, Alemanía e Canadá.

Os destinos

Máis de novecentos alumnos matriculados en 3.º e 4.º de ESO, están a viaxar ao longo do verán a Irlanda e Reino Unido, en quendas de tres semanas, para mellorar as súas competencias en inglés, do mesmo xeito que o fan 300 alumnas e alumnos que estudan francés no país galo.

Por outra banda, 200 alumnos e alumnas de 2º de ESO terán mellorado ao rematar o mes de agosto as súas competencias en inglés tras asistir a un “Pueblo Inglés”. Para os estudantes de 1º de ESO haberá 395 prazas para as clases de inglés que se impartirán durante dúas semanas noutras comunidades autónomas, nas que se aloxarán nunha residencia ou campamento. Do mesmo modo, 850 prazas están destinadas para os alumnos de 6º de Educación Primaria que realizarán o curso dentro de Galicia.

As novidades de 2010

A Consellería recorda que este ano, por primeira vez, as actividades tamén se desenvolverán no primeiro trimestre do curso 2010-2011, o que permitirá aos nenos e nenas galegos vivir máis de cerca o sistema educativo noutro país, xa que estarán dentro do día a día na escola dos estudantes estranxeiros.

Os beneficiados destas achegas terán cubertos o gastos dunha viaxe na que estarán acompañados por monitores e monitoras, así como os gastos de docencia e material escolar, as actividades deportivas, culturais e complementarias dos cursos. Tamén terán cubertos os gastos de mantemento e aloxamento.

O propósito do ambicioso programa de aprendizaxe de linguas estranxeiras non é só que os asistentes aprendan inglés, senón que este idioma o apliquen durante todo o día nas diversas actividades que está previsto que se realicen, nas que se inclúen competicións deportivas, xogos, obradoiros, ou excursións. Todo isto permitirá darlles unha formación lingüística, social, cultural e ambiental aos alumnos.

Nos cursos que se celebrarán no estranxeiro, o obxectivo é que os asistentes practiquen o idioma de forma intensiva, polo que os estudantes asistirán a clases con alumnos de diversas nacionalidades.

Ao igual que acontece nos campamentos, dende a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria preséntase un programa que lle permite ao alumnado formarse en competencias lingüísticas, pero tamén como persoas. Deste xeito, os seleccionados para os cursos vivirán con familias ou en residencias e todos terán a oportunidade de desenvolver actividades fóra das aulas, nas que se inclúen excursións, actividades deportivas, xogos ou obradoiros temáticos.

Un ano máis a Consellería de Educación demostra o seu interese por formar aos estudantes galegos nos coñecementos dunha terceira lingua que complemente os estudos do curso escolar.