A Consellería de Cultura e Educación posibilita que 236 persoas accedan á formación posdoutoral a través dunha liña específica de axudas para esta etapa
Os beneficiarios realizan un período formativo no estranxeiro posibilitando ao seu retorno o seu reingreso nunha universidade do SUG cun ano máis de contrato.
O departamento educativo da Xunta de Galicia ten previsto publicar este outono a convocatoria de axudas á etapa predoutoral, cunha contía superior á de 2013
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a terceira convocatoria de axudas á etapa posdoutoral, unha liña creada no 2012 pola actual Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co fin de dar continuidade ao labor científico que desenvolve o persoal investigador do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Así, nunha clara aposta polo ensino universitario como motor de desenvolvemento e polo talento dos investigadores galegos, o departamento educativo da Xunta de Galicia terá o vindeiro ano 236 beneficiarios destas bolsas completando a súa formación, ben no estranxeiro, ben nalgunha universidade do SUG, cun investimento total de máis de 20 millóns de euros nas 3 convocatorias. Esta liña de axudas enmárcase no Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C).
O obxectivo destas axudas é fomentar que as universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) contraten persoal doutor co obxecto de mellorar a súa formación a través de procesos de internacionalización e posibilitando, ademais, o seu reingreso nunha universidade do SUG cun ano máis de contrato.
Con estas convocatorias Galicia é unha das comunidades autónomas que máis recursos e importancia dedica a esta etapa de formación do persoal investigador situándose á cabeza no conxunto do estado.
Requisitos, contía e financiamento
Nesta terceira convocatoria haberá 61 prazas, repartidas en dúas modalidades. Nunha delas, a Consellería financiará un máximo de 50 axudas cunha retribución bruta anual variable en función dos países onde o persoal doutor desenvolva as súas estadías. Nos dous anos de estadía a dotación mínima do programa oscilará entre os 34.000 euros e os 40.000 euros para cada unha das axudas en función dos países de destino. No ano de contrato retorno a retribución equipárase coa dos investigadores en activo do Programa Isidro Parga Pondal e supón un total de 35.200 euros por axuda outorgada. Nestas cantidades está incluído un seguro de accidentes, responsabilidade civil e cobertura médica de cada unha das persoas seleccionadas nos períodos de permanencia fóra do país.
Poderán solicitar estas axudas as universidades do SUG que presenten aspirantes e contraten este persoal doutor por un período de tres anos para a súa formación especializada no estranxeiro e nas propias universidades. Cómpre salientar que todo o período se desenvolverá baixo a modalidade de contrato segundo o solicitado á Consellería polas tres universidades e de acordo co sinalado pola Lei da ciencia.
Na outra modalidade poderanse conceder un máximo de 11 axudas dirixidas a persoal investigador do Programa Isidro Parga Pondal do Plan INCITE (convocatoria de 2010), co fin de procurarlle continuidade á súa traxectoria investigadora posdoutoral no ámbito autonómico. Nesta modalidade financiarase un máximo de dous anos nunha universidade do SUG cun máximo de 35.200 euros por cada axuda.
Os seleccionados, no contexto deste programa, deberán superar un proceso de avaliación intermedio e outro final de acordo con criterios de excelencia científica que os habilitará, no caso de o superaren, para acceder a unha segunda fase de axudas posdoutorais de dous anos de contrato nunha universidade galega para continuar coa súa formación e permitir a reversión na Comunidade Autónoma do investimento realizado no seu día e do capital de coñecemento adquirido.
Axudas á etapa predoutoral
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tamén prevé convocar dentro desta anualidade as súas axudas enfocadas á etapa de formación predoutoral. Está previsto que a convocatoria, que tradicionalmente se viña facendo nos meses de verán, se faga pública no próximo outono por petición expresa das universidades galegas para adaptala ao calendario dos seus programas de doutoramento.
Tamén, e como consecuencia das novas regulamentacións de acceso aos estudos de doutoramento recentemente aprobadas polas universidades do SUG, unha comisión integrada por persoal da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, xunto cos vicerreitores de investigación das tres universidades, traballa de xeito conxunto para adaptar a convocatoria á nova realidade dos estudos de doutoramento. A convocatoria deste ano de 2014 prevé un investimento que será superior á do ano 2013.