A Consellería de Educación continúa a impulsar a familia profesional de madeira e moble en colaboración coa Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada

O Consello da Xunta deu o visto e prace do convenio entre ambas as institucións para a formación práctica nestes estudos de FP

Xov, 29/07/2010 - 20:01

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continuará a impulsar a formación práctica nos centros de traballo vinculada aos ciclos formativos da familia da madeira e moble. Para iso, o Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura da addenda entre a Consellería e a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada para levar a cabo nas súas instalacións, de forma compartida co IES Antón Losada Diéguez, as ensinanzas do ciclo formativo de grao medio de fabricación a medida e instalación de carpintaría e moble durante o curso 2010-2011.

Con esta renovación, Educación ofrece o seu compromiso coas actividades de formación profesional, aumentando as oportunidades dos estudantes galegos para a inserción no mundo laboral.

No que se refire ao ciclo de fabricación a sinatura do convenio permitirá que os novos profesionais continúen formándose en todos os ámbitos da actividade, sexa principalmente nas áreas de desenvolvemento de produtos, prototipos, instalacións ata controis de calidade, ou nas de xestións comerciais.

Formación para alumnos, profesores e traballadores

Ao abeiro do convenio establécese entre as partes a colaboración para desenvolver un programa de formación en centros de traballo, para alumnas e alumnos que cursen o dito ciclo, así como a realización de accións de orientación profesional dirixidas a este alumnado. O convenio posibilita tamén a colaboración de expertos da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada na impartición das ensinanzas destes ciclos.

Por outra banda, o convenio recolle a orientación e actualización dos coñecementos do profesorado destes ciclos dependente da consellería nas instalacións das entidades que conforman a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, así como a formación e actualización dos traballadores das devanditas entidades.

Así mesmo, e por proposta dalgunha das partes implicadas, poderanse organizar cursos, seminarios ou estudos sobre temas referentes ás novas tecnoloxías de común interese para as institucións asinantes. Nese suposto, a Fundación colaborará mediante o apoio técnico e loxístico, tanto no programa de formación do profesorado como nas estadías deste en empresas por tempo definido.

Para o cumprimento deste convenio e as súas correspondentes addendas, a Fundación por á disposición de alumnado e profesorado as instalacións ou talleres especiais de que non dispón o IES Antón Losada Diéguez para a impartición das ensinanzas de FP.

Pola súa parte, a Consellería de Educación achegará o persoal docente necesario e farase cargo dos gastos de funcionamento necesarios para o desenvolvemento destes estudos, que ascende o vindeiro curso a 30.050 euros.

Con esta iniciativa, a Consellería de Educación demostra o seu esforzo por proporcionar a mellor formación práctica aos estudantes de formación profesional, achegándoos ao mesmo tempo á realidade do mundo laboral. Por outra banda, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada preséntase como o marco idóneo en que desenvolver as ensinanzas da familia profesional de madeira e moble, polo que supón no sentido de adecuación destas ás necesidades do sector madeireiro.