Cultura e Educación participa na presentación do Festival Sinsal Son Estrella Galicia que terá lugar na Illa de San Simón do 25 ao 27 de xullo

O encontro amplíase a tres días para ofrecer neste enclave natural da ría de Vigo un total de 26 concertos, a meirande parte deles inéditos en Galicia, xunto con diferentes actividades paralelas para todos os públicos
A organización sigue a fórmula empregada nas anteriores edicións mantendo en segredo o cartel que repetirá o sábado, coas entradas xa esgotadas, e mailo domingo
Adiantáronse xa os nomes das bandas que actuarán o venres: Throwing Shade, Frikstailers, Jagwa Music, Oso Leone e Xenia Rubinos
Xov, 17/07/2014 - 15:07
Cultura e Educación participa na presentación do Festival Sinsal Son Estrella Ga
Cultura e Educación participa na presentación do Festival Sinsal Son Estrella Galicia que terá lugar na Illa de San Simón do 25 ao 27 de xullo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe en Vigo na presentación das novidades preparadas polo Festival Sinsal Son Estrella Galicia para a súa cuarta edición na Illa de San Simón (Redondela), que terá lugar neste enclave natural da ría de Vigo do 25 ao 27 de xullo. Este ano amplíanse de dous a tres os días de celebración, durante os que se ofrecerá un total de 26 concertos de bandas e artistas internacionais que, na meirande parte dos casos, actúan por vez primeira en Galicia.

Outra das novidades de 2014 refírese á distribución dos concertos. O cartel do sábado, xornada para a que xa están esgotadas as entradas, repetirase tamén o domingo e non se desvelará ata que o primeiro barco do día 26 atraque na illa, seguindo así a fórmula empregada en anos anteriores. Porén, a organización si deu a coñecer os nomes dos cinco grupos que tocarán o venres: Throwing Shade, Frikstailers, Jagwa Music, Oso Leone e Xenia Rubinos.

Evento singular

Na presentación desta nova edición e en nome da Consellería de Cultura e Educación, o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, compartiu mesa con Javier Bas, alcalde de Redondela; Laura Piñeiro, product manager de Estrella Galicia; e Julio Gómez, codirector do Sinsal. Todos coincidiron en destacar a consolidación do festival como un dos eventos máis singulares no ámbito dos festivais europeos de verán.

Na súa intervención, Sutil felicitou aos organizadores por apostar con éxito por unha fórmula rompedora a todos os niveis: “Desde a proposta artística ata a súa sede na Illa de San Simón, pasando pola extraordinaria relación de fidelidade e confianza mutua co público, cada vez máis numeroso, que congrega este festival mesmo sen desvelar o seu cartel completo ata o último momento”, sinalou. Ao tempo, incidiu en que o feito de que este festival manteña unha liña de crecemento progresivo desde a súa creación vén confirmar que “a diferenciación e a profesionalidade son claves para o éxito de calquera iniciativa cultural”.

Descubrir San Simón

O director da Agadic manifestou que para a Consellería de Cultura e Educación resulta igualmente sobresaínte a contribución de Sinsal á difusión dos valores históricos e patrimoniais de San Simón. Neste sentido, ademais dos concertos nos tres escenarios principais, o festival propón un programa paralelo a través do que convida a descubrir a historia deste espazo declarado Ben de Interese Cultural: desde as ‘Músicas Escondidas’ que o público debe atopar no seu percorrido polas dúas illas, ata as actividades infantís.

Jacobo Sutil insistiu tamén en que a repercusión dos festivais de música vai máis alá da súa faceta lúdica como alternativa dentro da oferta cultural e de ocio: “Estamos a falar –dixo– dun tipo de eventos que son estratéxicos para a industria musical galega, ademais de funcionar en moitos dos casos como motores para a dinamización turística e económica dos lugares que os acollen”.

Liña de axudas

Lembrou a este respecto que a Consellería de Cultura e Educación mantén desde 2012 unha liña específica de subvencións, que convoca a través da Agadic como canle estable de apoio público aos festivais musicais e escénicos que se celebran cada ano en Galicia e da que o Festival Sinsal resultou adxudicatario nas súas dúas edicións anteriores. Nestes momentos, a convocatoria de 2014 atópase en proceso de trámite cara á súa resolución, momento no que se darán a coñecer os proxectos que recibirán apoio económico este ano a través desta vía.

As entradas para asistir ao Festival Sinsal Son Estrella Galicia inclúen tamén o traslado en barco á Illa de San Simón con diferentes horarios e combinacións de ida e volta. Poden adquirirse en liña a través da web http://entradas.abanca.com/.