Compostela Monumental e Política Lingüística colaboran para acadar unha maior visibilidade do galego na actividade comercial

José Manuel Bello e Anxo Lorenzo asinaron hoxe un convenio que contempla, entre outras, a realización de actividades de asesoramento lingüístico, de atención ao público e de difusión de campañas comerciais

Mér, 28/07/2010 - 13:09
José Manuel Bello e Anxo Lorenzo asinaron hoxe un convenio
Momento no que o responsable de Política Lingüística, o secretario xeral Anxo Lorenzo, e o presidente da asociación, José Manuel Bello asinan o convenio

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación de Empresarios e Profesionais Compostela Monumental asinaron hoxe un convenio no que se establece a colaboración de ambas as entidades para avanzar na incorporación da lingua galega ao sector socioeconómico.

O acto, que tivo lugar na sede de Compostela Monumental, situada en Santiago de Compostela, estivo presidido polo responsable de Política Lingüística, o secretario xeral Anxo Lorenzo, e mais polo presidente da asociación, José Manuel Bello.

Estender o uso do galego nas comunicacións e relacións laborais

A través deste convenio de colaboración, Compostela Monumental realizará ao longo do ano diversas iniciativas que teñen como obxectivo prioritario promover o uso da lingua galega na actividade comercial. Entre estas actuacións, destaca un importante labor de asesoramento lingüístico aos asociados da entidade compostelá. Así mesmo, o obxecto do convenio incide na utilización do idioma galego tanto nas comunicacións internas co persoal e mais cos asociados, coma na documentación externa, co fin de estender o uso desta lingua nas relacións laborais, comerciais e empresariais.

Promover a atención ao consumidor en lingua galega

A atención ao público é outro dos aspectos que se contempla no convenio, co fin, por unha banda, de potenciar na sociedade a oferta positiva de atender o cliente en galego e, por outra, de fomentar nos consumidores o hábito de usaren e solicitaren a atención comercial nesta lingua.

A través deste convenio, Compostela Monumental e Política Lingüística tamén promoven aqueles aspectos relacionados co material de identificación comercial (etiquetas, talóns, recibos, bolsas etc.) e mais coa imaxe corporativa dos establecementos asociados. Ademais, garántese a utilización da lingua galega nas campañas de promoción e de fidelización, nos carteis publicitarios e nos medios de comunicación.

Finalmente, o convenio inclúe o VI Congreso de Compostela Monumental, o III Congreso da Confederación Española de Cascos Históricos e a elaboración da Guía de responsabilidade social corporativa.

O socioeconómico, un sector estratéxico

Para a promoción do galego na sociedade, o ámbito económico é un dos piares máis importantes. En consecuencia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén apoiando entidades como a Asociación de Profesionais Compostela Monumental, que leva a cabo un importante labor de promoción do uso do galego na actividade e funcionamento da propia entidade e dos seus establecementos asociados.

Menús News node R

Colectivo