O conselleiro de Cultura e Educación recibe a unha representación de alumnos que saíron premiados nas olimpíadas nacionais e internacional de Física e Matemáticas

Na categoría de Física, Galicia conseguiu un total de cinco medallas e na de Matemáticas clasificáronse dous alumnos para a fase de Sudáfrica, onde lograron dous bronces

Mér, 16/07/2014 - 17:57
O conselleiro de Cultura e Educación recibe a unha representación de alumnos que
O conselleiro de Cultura e Educación recibe a unha representación de alumnos que saíron premiados nas olimpíadas nacionais e internacional de Física e Matemáticas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recibiu no día de hoxe a Raúl Alonso e Gonzalo Cao, dous alumnos de escolas públicas galegas que recibiron unha medalla nas finais das olimpíadas nacionais de Física e Matemáticas.

Na disciplina de Matemáticas, Raúl Alonso, do IES Carlos Casares de Vigo, e Gonzalo Cao, do IES Plurilingüe Eusebio da Garda da Coruña, obtiveron unha medalla de ouro e representaron a España na final internacional de Sudáfrica onde lograron a medalla de bronce.

No caso das Olimpíadas Nacionais de Física, o xa citado Raúl Alonso tamén obtivo a medalla de ouro. Este alumno do IES Carlos Casares de Vigo con tan só 17 anos ten un dos catro expedientes máis brillantes de Vigo e un dos primeiros de Galicia e o pasado mes de abril tamén logrou unha medalla de prata en Química.

Na súa visita, os rapaces estiveron acompañados polo coordinador de Matemáticas, Felipe Gago e, representando a organización de Física, asistiu Teresa Pérez Iglesias.  

Xesús Vázquez Abad felicitou aos gañadores, así como aos seus centros e familias polo apoio prestado, e salientou o nivel do alumnado galego nestas competencias.