A Consellería de Cultura e Educación acada máis de 2 millóns de euros, o maior financiamento concedido a un proxecto español de mobilidade de alumnado e profesorado da FP no marco do novo ‘Erasmus+’

A iniciativa presentada polo departamento educativo da Xunta de Galicia posibilitará que 344 alumnos e titulados e 44 docentes fagan prácticas en diferentes países da UE

Por primeira vez poderán gozar desta experiencia titulados en ciclos de grao medio

Ademais, nesta edición incorpóranse ao proxecto 18 IES, centros que ata agora non participaron neste proxecto

Mér, 16/07/2014 - 13:32
 A Consellería de Cultura e Educación acada máis de 2 millóns de euros, o maior
A Consellería de Cultura e Educación acada máis de 2 millóns de euros, o maior financiamento concedido a un proxecto español de mobilidade de alumnado e profesorado da FP no marco do novo ‘Erasmus+’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de acadar o maior orzamento, máis de 2 millóns de euros, de todos os concedidos en España a proxectos de mobilidade de alumnado e profesorado de Formación Profesional no marco do novo programa ‘Erasmus + 2014-2020’. Deste xeito a proposta presentada polo departamento educativo da Xunta de Galicia baixo o nome ‘Europa. Next Station: Vocational Training Network’ permitirá que 344 alumnos e titulados e 44 docentes podan facer prácticas en diferentes países da Unión Europea.

O período de estadías desenvolverase desde setembro de 2014 ata xuño de 2016, e nel poderán participar, por primeira vez, titulados en ciclos de grao medio. Así mesmo, nesta ocasión únense 18 IES aos 19 Centros Integrados de Formación Profesional que participaban habitualmente neste tipo de iniciativas; outra novidade á que se suma a posibilidade que vai ter tamén agora o profesorado de unirse a esta experiencia, facendo prácticas ou visitas a centros educativos ou empresas durante unha semana no marco deste programa.

Cómpre sinalar que, a maiores deste programa liderado pola Consellería, outros 11 proxectos de centros educativos e de 6 institucións teñen acadado axudas do Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (OAPEE) por importe de outros máis de 2 millóns de euros para a mobilidade dun total de 285 alumnos e 83 profesores.

Aposta pola FP

‘Europa. Next Station: Vocational Training Network’ constitúe a continuación da aposta pola mobilidade do alumnado da Formación Profesional que está a facer a Consellería de Cultura e Educación de acordo coa estratexia de impulso e posta en valor da FP como un sistema de oportunidades que abre aos seus titulados as portas do mercado laboral como profesionais cunha alta cualificación. Conscientes da vital importancia de que as alumnas e alumnos coñezan, ademais de outras linguas, as realidades de outros sistemas produtivos e de traballo, o departamento de Xesús Vázquez Abad ten xa facilitado en tan só 2 anos que 151 estudantes puideran gozar desta experiencia ao abeiro de ‘Europa. Next Station’ e ‘Europa. Next Station II’, nos anos 2012 e 2013.