Os datos do curso 2013/2014 confirman o equilibrio entre galego e castelán no ensino, ao abeiro do decreto do plurilingüismo da Consellería de Cultura e Educación

Xesús Vázquez Abad explicou que máis do 47% dos grupos no ensino infantil teñen o galego como lingua predominante, unha porcentaxe que ascende ao 90,6% nos núcleos do rural

En educación primaria o peso das materias en galego é de case o 51%, unha porcentaxe que é do 47,4% na ESO e do 50,4% en Bacharelato

O conselleiro lamentou a politización da lingua que están a facer algúns grupos

Mar, 15/07/2014 - 14:36

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe no Parlamento de Galicia os datos referentes á aplicación do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia no curso 2013/2014, que veñen a confirmar que esta normativa garante o equilibrio entre as dúas linguas cooficiais. Neste sentido Vázquez Abad explicou que a porcentaxe de grupos con galego como lingua predominante no ensino infantil supera o 47%. “E para que non haxa dúbidas –dixo- o dato correspondente ao ensino de infantil nas cidades galegas - máis de 50.000 habitantes- acada o 10,4%, e é do 90,6% nos núcleos do rural” -menos de 5.000 habitantes-. Ademais, e respecto da relación galego-castelán como lingua de impartición das materias no resto das etapas educativas, o conselleiro sinalou que en educación primaria o peso das materias en galego é de case o 51%, unha porcentaxe que é do 47,4% na ESO e do 50,4% en Bacharelato.

Xesús Vázquez lembrou, ademais, que a Consellería non ten obriga legal de achegar os datos que entregan os centros e que “ningún Goberno galego, tampouco o que formou o BNG e o PsdeG, facilitou información sobre as respostas dos pais e nais respecto da lingua materna dos seus fillos”.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia criticou a actitude dalgúns grupos, nun claro intento de politizar a lingua; e explicou que o seu departamento fai un seguimento administrativo da utilización equilibrada de galego e castelán e da elaboración dos proxectos lingüísticos de centro (PLC) para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia. A este respecto lembrou ademais que xa no 2008 o Bipartito fora acusado pola plataforma cidadá en defensa do galego de non garantir o uso do galego en infantil entre o alumnado das cidades. “A mesma plataforma segue ofrecendo datos, sen dúbida na procura dun monolingüísmo en galego que a maioría da sociedade galega non defende”.

Cumprimento das sentenzas

No que atinxe ao cumprimento das sentenzas arredor do Decreto 79/2010, o conselleiro fixo fincapé en que as sentenzas  do TSXG avalaron o 95% do articulado, confirmando a plena validez legal do equilibrio entre as dúas linguas oficiais e a introdución dunha lingua estranxeira no ensino público, e anulando tan só dúas cuestións técnicas no artigo 5 e no 12.3.

Tal e como explicou, o TSXG xa deu por cumprida a adaptación da sentenza co envío por parte da Consellería dunha Instrución coa que se aclarou aos centros como tiñan que aplicar a normativa e que constituíu a ferramenta administrativo-organizativa coa que a Xunta cumpriu as sentenzas do TSXG respecto das puntualizacións dos dous artigos antes mencionados. En concreto, quedou definido que a lingua predominante na educación infantil estará determinada polos centros educativos e que se terán en conta tres factores determinantes dende o punto de vista sociolingüístico: a pregunta aos representantes legais, o contorno sociolingüístico do centro e a garantía da presenza das dúas linguas oficiais.