Cultura e Educación comunica que o CPI dos Dices (Rois) non cambiará de horario escolar

Representantes da Consellería reuníronse cos alcaldes de Dodro e Rois para tratar de resolver este asunto, e decidiron non autorizar unha modificación do horario debido a que suporía un incremento do gasto de máis de 240.000 euros en transporte e que non todos os pais do centro apoian este cambio

Lun, 07/07/2014 - 13:50
CPI dos Dices
CPI dos Dices

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de comunicar á dirección do Centro Público Plurilingüe Integrado dos Dices (Rois) que non haberá un cambio de horario para o vindeiro curso. As razóns principais desta decisión son que o cambio de horario escolar suporía un incremento considerable do gasto en transporte de máis de 240.000 euros e que a maioría dos pais do centro non están de acordo con mudar as horas de entrada e saída, ao tempo que a comunidade educativa de Dodro está plenamente satisfeita co horario actual.

O secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, e o xefe territorial de Educación na provincia da Coruña, Indalecio Cabana, mantiveron unha reunión cos alcaldes dos concellos de Dodro e Rois para tratar de solventar este asunto. Neste encontro, os representantes do departamento de Cultura e Educación comunicáronlles aos rexedores municipais que o horario co que este centro leva funcionando desde hai 14 anos é legal, malia ao manifestado por algunhas fontes.

Así mesmo, informáronos de que o cambio do horario escolar suporía que o transporte escolar pasase do actual custe de máis de 420.000 euros por ano académico, a máis de 660.000 euros por curso. Doutra banda, a Consellería de Cultura e Educación quere aclarar que a consulta realizada polos pais para modificar a xornada non reúne os requisitos formais habituais neste tipo de enquisas. En calquera caso, non manifesta o sentir xeral das nais e pais de Rois, xa que non todas as familias están a favor de mudar o horario. Ademais o alcalde de Dodro subliñou que a comunidade educativa do seu concello está unanimemente satisfeita e non quere tampouco o cambio.