Cultura e Educación inaugura os XXVII Cursos de verán de lingua galega para persoas estranxeiras que organizan Política Lingüística, a RAG e mais o ILG

Á apertura da nova edición, na que 65 estudantes de 22 países diferentes se achegarán á lingua e á cultura propias de Galicia, acudiu o secretario xeral de Política Lingüística

Xov, 03/07/2014 - 15:00
 Cultura e Educación inaugura os XXVII Cursos de verán de lingua galega para per
Cultura e Educación inaugura os XXVII Cursos de verán de lingua galega para persoas estranxeiras que organizan Política Lingüística, a RAG e mais o ILG

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou esta mañá no acto de inauguración dos XXVII Cursos de verán de lingua galega para persoas estranxeiras que organizan, durante este mes na capital de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Real Academia Galega (RAG) e o Instituto da Lingua Galega da Universidade (ILG) de Santiago de Compostela. Á apertura da nova edición acudiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a quen acompañaron o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, reitor da USC, Juan Viaño Rey; o director do ILG, Ernesto González Seoane; e o director dos cursos, Xosé Luís Regueira Fernández.

Os cursos desenvolveranse desde hoxe ata o vindeiro 24 de xullo e con eles, en palabras de García Gómez, “a proxección da lingua e da cultura propias de Galicia no mundo adquire maior dimensión, por impulsaren o seu coñecemento e uso activo máis alá das nosas fronteiras”. Segundo sinalou o secretario xeral, “trátase dunha oferta formativa desde a que se contribúe á difusión internacional da nosa cultura e lingua, á investigación sobre diferentes ámbitos da realidade galega e, de maneira moi importante, ao prestixio do idioma, tamén dentro da sociedade galega”.

Aulas de lingua e actividades para achegarse de primeira man ao galego

Os cursos chegan á súa XXVII edición con 65 persoas matriculadas procedentes de 22 países diferentes -desde Estados Unidos a Rusia e desde Brasil a Arabia Saudí- nas que están representadas un número importante de universidades de Europa e de América. Como cada ano, un número importante de participantes chega das universidades adscritas á Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia.

Ata finais de xullo, o alumnado asistirá a clases teóricas e prácticas de lingua, literatura e lingüística, así como a conferencias de figuras relevantes da cultura galega: Quico Cadaval, Xosé Manuel Pereiro, Belén Regueira, Xosé Ramón Barreiro, Agustín Fernández Paz, Xesús Alonso Montero, Xabier Díaz, Henrique Monteagudo, Manuel Gonzalez, Luís Iglesia, Francisco Fernández Rei e Manuel Gago. Tamén tomarán contacto con escritores/as galegos/as, coa agrupación folclórica Cantigas e Agarimos e coa narradora oral María da Pontragha, entroutras actividades culturais. O obxectivo é que nestas tres semanas teñan unha intensa actividade lectiva e cultural que lles permita ter unha visión o máis completa posible da cultura e da sociedade galega de hoxe.

Estreita colaboración institucional para garantir a oferta de cursos de verán

A Consellería dirixida por Xesús Vázquez Abad organiza ao longo do mes cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras, en colaboración coa RAG e co ILG da USC e mais coa Universidade da Coruña. Mercé a esta colaboración, que se vén renovando de xeito ininterrompido desde 1988, case un cento de alumnos e alumnas se achegarán este verán por primeira vez ao galego, ou perfeccionarán a competencia que xa teñen no noso idioma.

Menús News node R

Departamento

Colectivo