A Consellería de Cultura e Educación acatará a sentenza que anula parcialmente a orde do concurso de traslados do persoal docente

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos cambiara a puntuación dos servizos prestados como interinos baseándose nunha normativa europea que era clara ao respecto

Ademais, varias sentenzas anteriores a esta modificación eran favorables a que os servizos prestados como interinos tiveran neste punto a mesma consideración ca os prestados como funcionarios permanentes, unha decisión que tamén avalou o Valedor do Pobo

O departamento educativo xa está a traballar para modificar coa máxima celeridade os datos, e adaptalos ao establecido polo fallo do xulgado do contencioso

Lun, 30/06/2014 - 12:20

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, compareceu esta mañá en rolda de prensa para explicar a decisión da Consellería, de acatar a sentenza do xulgado número 2 do contencioso- administrativo de Santiago de Compostela que anula parcialmente a Orde de 16 de outubro de 2013 pola que se convoca concurso de traslados entre persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, música e artes escénicas, artes plásticas e deseño, profesores técnicos de formación profesional, mestres de taller de artes plásticas e deseño, mestres, inspectores ao servizo da Administración educativa e inspectores de educación.

Neste sentido, explicou que a Consellería non vai recorrer o fallo. “Facémolo – dixo- tendo en conta que o persoal afectado por esta sentenza aínda non tomou posesión dos seus novos postos, polo que axustar agora os resultados do concurso de traslados ao ditado pola sentenza non causa o trastorno e a incerteza que si causaría esperar polo resultado dun recurso que puideramos presentar en contra da mesma”.

Unha decisión fundamentada

O director xeral salientou que a decisión tomada para computar no concurso de traslados en igualdade de condicións os servizos prestados polo persoal como interino tivo a súa orixe en base a criterios puramente técnicos, baseada nunha normativa europea e en sentenzas anteriores que son claras a este respecto, e seguindo os mesmos criterios que se veñen observando na Administración Xeral.

Así, sinalou que a cláusula 4 do Acordo marco adxunto á Directiva 1999/70/CE establece claramente que non se poderá tratar aos traballadores cun contrato de duración determinada dunha maneira menos favorable que aos traballadores fixos comparables. Así mesmo existen sentenzas do Tribunal de Xustiza no asunto Santana e no asunto Valenza que consideran que, se non existen diferenzas obxectivas entre funcionarios interinos e permanentes - por exemplo no que se refire aos deberes e natureza das funcións e outros factores similares relacionados co traballo propiamente dito,- dar un tratamento diferenciado ao servizos prestados como funcionario interino aos prestados como funcionario permanente é unha discriminación non xustificada.

A este respecto o director xeral recordou que o Valedor do Pobo elaborou hai unhas semanas un informe respecto da Orde de 16 de outubro de 2013 avalándoa. “Así mesmo, cómpre lembrar que esta Orde pasou pola Mesa Sectorial correspondente, momento no que os representantes das organización sindicais non se opuxeron á mesma, nin presentaron tampouco ningún recurso posteriormente”, lembrou.

Modificación de datos

O director xeral explicou que o seu departamento xa está a traballar para modificar os datos coa máxima celeridade e axustalos ao establecido pola sentenza. Ademais, púxose a disposición do persoal docente para todas as dúbidas que este cambio lles poida causar.

“A sentenza do Tribunal Supremo na que se basea agora o xulgado compostelán para anular parcialmente a Orde é claramente posterior ao momento no que modificamos estes criterios no concurso de traslados. Aínda así, imos acatar a sentenza sen recurrila, na busca de normalizar esta situación canto antes”, rematou.