Cultura e Educación pon en marcha 'Os sons do vento que pasa', un concerto de fados que dinamizará o galego entre o público de todas as idades da man do 'FalaRedes 2014'

O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe a actividade en rolda de prensa, acompañado polos músicos Gonçalo Guerreiro e Dani Pais

A localidade coruñesa de Ortigueira acollerá este domingo a estrea desta nova proposta de lecer no noso idioma, que ata finais de ano chegará a un total de 36 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística

Valentín García celebrou que este espectáculo "ampliará a oferta de ocio en galego das vilas da Rede, moitas das cales a empregarán para incrementar a presenza da nosa lingua durante as festas locais do verán"

Ven, 27/06/2014 - 11:58
 Cultura e Educación pon en marcha 'Os sons do vento que pasa', un concerto de f
Cultura e Educación pon en marcha 'Os sons do vento que pasa', un concerto de fados que dinamizará o galego entre o público de todas as idades da man do 'FalaRedes 2014'

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe en rolda de prensa Os sons do vento que pasa, a nova actividade de fomento do galego incluída no programa FalaRedes e que ata finais de ano chegará a 36 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

Destinada a público de todas as idades, o secretario xeral explicou que con esta cuarta proposta de lecer o FalaRedes 2014 invita a gozar dun concerto de fados en galego, "boa mostra de que calquera tipo de música se pode facer na lingua propia de Galicia".

García Gómez, que estivo acompañado polos músicos Gonçalo Guerreiro e Dani Pais, protagonistas do espectáculo, mostrouse satisfeito por esta nova actividade "que ampliará a oferta de ocio en galego dos concellos da Rede, moitos dos cales a empregan para incrementar a presenza da nosa lingua durante as festas locais do verán". Neste sentido, sinalou que, "pola súa concepción e calidade, agardamos que sexa de interese para un público moi amplo, que poderá achegarse á música en galego desde focos de interese diversos e particulares".

Fados en galego para todos os públicos

Tras poñer en marcha desde marzo con grande éxito tres espectáculos dinamizadores destinados á xente miúda e ás súas familias -o concerto Toc Toc, a obra de teatro As fabas máxicas e o concurso Os Bolechas e o Sabichón-, a terceira edición de FalaRedes amplía agora a súa programación cunha proposta dirixida ao público en xeral, que poderá gozar da música na nosa lingua a través dun coidado concerto no que Gonçalo Guerreiro porá a voz e que Dani Pais enriquecerá coa súa participación dixital e musical.

As cantigas dos Sons do vento que pasa, acompañadas de guitarra eléctrica e de pedal de loops, así como de sedutores xogos de iluminación, conservan o seu encanto orixinal, pero gañan unha dimensión contemporánea e singular que seduce tanto os mozos coma os non tan mozos. Deste xeito, o espectador mergulla nun universo rítmico e melódico que viaxa do divertimento á nostalxia, do rock á canción de amor, do pop á música tradicional, sen deixar nunca de ser fado.

De xira por toda Galicia

Da man do FalaRedes 2014, Os sons do vento que pasa chegará entre xuño e decembro a un total de 36 vilas galegas adscritas á RDL. A estrea será este domingo, 29 de xuño, na localidade coruñesa de Ortigueira, ás 20:30 horas no Teatro da Beneficencia. Coma sempre, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

A proposta da compañía Elefante Elegante continuará coa súa xira en exclusiva polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística en xullo, cando fará parada en Ribeira, Ames, A Bola, Moaña, Bueu, O Grove e Ribas de Sil. Xa en agosto, visitará Padrón, Muros, Taboada, Castrelo de Miño, Muiños, Miño, Malpica de Bergantiños, Toén, Parada de Sil, Cabana de Bergantiños, Vilalba, O Incio, A Baña e Maside.

En setembro será a veciñanza de Baiona, Sarreaus, Vilaboa e Campo Lameiro a que poderá gozar dos fados interpretados por Gonçalo Guerreiro, que en outubro soarán nos concellos de Curtis, Bóveda, Noia, Lousame, Outes e Oleiros. No mes de novembro, a cuarta actividade do FalaRedes 2014 aínda chegará a Verín, Foz e Cuntis, pechando en decembro a súa xira pola RDL na localidade coruñesa de Arzúa.

FalaRedes 2014

Ata finais de ano, FalaRedes 2014 chegará á totalidade de concellos da RDL cun total de cinco actividades e 150 sesións de dinamización lingüística que buscan cumprir os obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva do galego na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para unha mellor planificación e coordinación do fomento da nosa lingua no eido da Administración local, e que na actualidade conta con preto de 160 entidades adscritas.

Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

Menús News node R