O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala por segunda vez a decisión da Consellería de incluír criterios complementarios fixados polos centros educativos na admisión do alumnado

O alto órgano xudicial vén de publicar unha sentenza na que desestima o recurso contencioso administrativo da CIG contra o Decreto 254/2012, igual que ocorrera co presentado por UGT no mesmo senso

Ven, 20/06/2014 - 14:15

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de avalar por segunda vez a decisión da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de incluír criterios complementarios fixados polos centros educativos no proceso de admisión do alumnado. Faino a través dunha sentenza na que Sala desestima o recurso contencioso administrativo presentado pola Confederación Intersindical Galega (CIG) contra o Decreto 254/2012, do 13 de decembro sobre a regularización da admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, no que tamén pretendía a nulidade do artigo 9.3.i) que regula os “criterios complementarios”, permitindo aos centros apreciar circunstancias relevantes e obxectivas mediante un punto máis no baremo.

Neste sentido cómpre lembrar que o TSXG xa desestimara o pasado mes de febreiro o recurso de Unión General deTrabajadores (UGT) contra o Decreto de admisión de alumnado en centros escolares, concluíndo que a Xunta está facultada para regular os requisitos de obxectividade e publicidade, dentro dos cales os propios centros poden fixar os criterios complementarios. No caso da sentenza da CIG, a Sala volve validar o decreto, rexeitando os motivos de impugnación e concluíndo que a Consellería exerce as facultades que lle atribúe o Estatuto de Autonomía e respecta o principio de seguridade xurídica.

Tanto a UGT como a CIG recorreran a inclusión no devandito decreto de criterios complementarios diferentes aos prioritarios recollidos na Lei Orgánica de Educación -ter irmáns no mesmo centro; ter pais, nais ou titores legais traballando no centro; proximidade do domicilio ou lugar de traballo ao colexio ou instituto; renda per cápita de unidade familiar; condición de familia numerosa e concorrencia de discapacidade-. Coa sentenza do TSXG mantense a posibilidade de que os centros poidan aplicar outros criterios distintos aos mencionados anteriormente, como ter en conta se os pais foron antigos alumnos.

Coa desestimación do recurso interposto pola CIG, o único pendente fronte ao Decreto de admisión, o TSXG confirma definitivamente a legalidade do decreto da Consellería de Cultura e Educación.