Cultura e Educación continúa dinamizando o galego entre a xente miúda e as súas familias da man do 'FalaRedes 2014'
O programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística leva esta fin de semana as propostas de lecer 'Os Bolechas e o Sabichón' e 'As fabas máxicas' a catro concellos ourensáns e a dous da provincia da Coruña
O concurso infantil fará parada en Padrón, Vilamarín, Ourense e San Cristovo de Cea, mentres que a obra de teatro se poderá ver en Ponteceso e A Veiga
FalaRedes, o programa promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, continúa dinamizando o galego entre a xente miúda e as súas familias cos espectáculos Os Bolechas e o Sabichón e As fabas máxicas, que esta fin de semana visitan catro vilas ourensás e dúas coruñesas.
Mañá, serán os nenos e nenas de Padrón os que gozarán do espectáculo protagonizado polos seus personaxes favoritos, a familia Bolechas, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Xa o sábado, o concurso máis trepidante aterrará en Vilamarín, ás 18:00 horas no Auditorio Municipal, e o domingo en Ourense e en San Cristovo de Cea, ás 12:00 horas na Sala Azul do Auditorio e ás 18:00 horas no salón de actos do Multiúsos, respectivamente.
Tamén o sábado, As fabas máxicas fará parada en Ponteceso, cun pase ás 20:00 horas no Edificio das Escolas, mentres que o domingo a peza de Caramuxo teatro poderá verse en A Veiga, ás 18:00 horas no salón de conferencias O Toural. Coma sempre en FalaRedes, a entrada a estes espectáculos é libre e gratuíta ata completar a capacidade das salas.
As dúas propostas de lecer en galego destinadas ao público familiar continúan así coas súas respectivas xiras que, no marco do FalaRedes 2014, as levará en exclusiva a máis de 80 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüistica (RDL) da Xunta de Galicia. Ata finais de ano, o programa reforzará a oferta de ocio da totalidade de vilas da RDL con 150 propostas de dinamización lingüística.
Os monicreques falan galego
Nos dous exitosos espectáculos, destinados a cativos e cativas a partir dos 4 anos de idade, os protagonistas son simpáticos monicreques que fomentan o galego entre o público familiar de xeito lúdico e divertido.
No concurso-teatro, os Bolechas preséntanse en forma de monicreques manipulados por actores á vista, modalidade novidosa en Galicia. Os irmáns Braulio e Loli enfróntanse como líderes de senllos equipos e piden ao público que lles axude a venceren, de forma que os nenos e nenas demostran as súas habilidades lingüísticas e aprenden novas palabras en galego da man dos bonecos creados por Pepe Carreiro, todo un referente positivo estreitamente asociado á nosa lingua.
Coa peza teatral, a cativada achégase á dramaturxia no idioma propio de Galicia por medio dunha obra de coidada estética na que o humor, a emoción e a palabra van da man. Nela, Xan narra en primeira persoa desde o apartamento no que vive en Nova York as sorprendentes aventuras da súa infancia na aldea.
Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.