Educación e a Confederación de Empresarios de Galicia potencian a incorporación do galego ao ámbito socioecomómico

A través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ambas as entidades asinarán nos próximos días un convenio de colaboración, que foi aprobado hoxe no Consello da Xunta

Xov, 22/07/2010 - 16:40

A incorporación do uso do galego ao ámbito socioeconómico recibe un novo pulo a través do convenio que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) asinarán nos próximos días, e que foi aprobado hoxe no Consello da Xunta.

A través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Consellería de Educación e a CEG establecerán un marco de colaboración para impulsar diversas iniciativas que teñen como fin prioritario potenciar a presenza da lingua galega no ámbito socioeconómico. Para acadar este obxectivo, ao abeiro deste convenio desenvolveranse diversasactuacións dirixidas, por unha banda, a achegar a información e o asesoramento necesario sobre o uso e integración da lingua galega no sector empresarial.

Para conseguilo, manterase un servizo lingüístico na CEG –que xa funciona neste momento–, así como en cada confederación provincial, co fin de planificar, coordinar e xestionar o proxecto de dinamización lingüística empresarial. Este servizo facilitaralles ás empresas un tratamento personalizado, eficaz e dinámico segundo as necesidades propias e a través de soporte telefónico e web. Ademais, a través dun portal web, ofrecerá información sobre os recursos e as actividades dirixidas a mellorar e achegar o uso da lingua galega aos membros da CEG. Un portal en que tamén se ofrecerán servizos como unha biblioteca virtual e unha sección de recursos normativos vinculados á lingua e aos dereitos lingüísticos.

Por outra banda, o servizo lingüístico realizará accións de asesoramento, como corrección e tradución de textos relativos á imaxe corporativa ou resolución de dúbidas lingüísticas e formativas, tanto presenciais como en aulas virtuais, para que os empresarios poidan mellorar a súa competencia comunicativa en lingua galega.

O galego, un activo para as empresas

No marco deste convenio, poténciase a lingua galega como un valor positivo de mercado, así como un distintivo tanto das empresas galegas como das foráneas que distribúen os seus produtos e servizos na comunidade galega. Con este fin, o convenio prevé o desenvolvemento dunha campaña dixital de difusión deste espírito, que recolle os obxectivos do convenio.

Ademais, no marco deste convenio de colaboración facilitaráselles ás empresas a tarefa de integrar a lingua galega naquelas áreas principais da súa actividade, informándoas sobre a existencia e o uso de ferramentas en liña e materiais editados (correctores, tradutores, manuais, vocabularios, dicionarios etc.) e achegándolles técnicas e ferramentas específicas para explotar as súas habilidades de atención ao público e de presentación de produtos e servizos en galego.

Atención a máis de 700 empresas en 2009

A través do seu servizo lingüístico da CEG, no pasado ano 2009 atendéronse preto de 700 empresas que realizaron consultas lingüísticas, solicitaron traducións e correccións ou descargaron os modelos de documentos de xestión empresarial que se ofrecen a través da web: www.normalizacion.ceg.es.

O número de usuarios destes servizos é crecente, o que revela un maior uso do galego e unha progresiva sensibilización acerca do valor da lingua de Galicia e do plurilingüismo, que representan modernidade, innovación, proximidade e, sobre todo, vantaxe competitiva.

Menús News node R

Colectivo