Cultura e Educación convoca prazas nos Centros Residenciais Docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios no curso 2014/2015

A Consellería convoca estas prazas co obxectivo de dar cobertura aos alumnos e alumnas que deban cursar os seus estudos postobrigatorios non universitarios nunha poboación distinta da do domicilio familiar

Preto do 95% dos usuarios utilizan este servizo de balde

Lun, 16/06/2014 - 13:35

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca as prazas de residencia nos Centros Residenciais Docentes (CRD) da Coruña, Ourense e Vigo para o ensino postobrigatorio non universitario para o curso 2014/2015, a aquel alumnado que reunindo os requisitos persoais, familiares, académicos e económicos establecidos, deba escolarizarse en localidades distintas ao seu domicilio familiar porque na súa localidade non exista un centro público que imparta a modalidade concreta do nivel educativo, familia profesional, especialidade ou ciclo formativo no que pretende matricularse e tampouco en ningunha outra localidade próxima que lle permita o desprazamento diario con facilidade. Cómpre sinalar que preto do 95% dos usuarios teñen este servizo gratuíto, dacordo cos umbrais de renda da convocatoria, e que para o resto os prezos mantéñense igual ca o ano pasado

Os alumnos e alumnas solicitantes terán dereito a reserva de praza ata que completen os cursos dun nivel formativo concreto que dean lugar á obtención dun título académico, sempre que non repitan curso e non variasen as demais circunstancias que se tiveron en conta para a adxudicación inicial. As prazas que queden sen ocupar, se acumularán ás vacantes ofertadas polo centro, ou de ser caso, ofreceranse ao alumnado que figuren a lista de suplentes, respectando a orde de prelación.

Os residentes que rematen un nivel educativo ou ciclo formativo concreto reunindo as condicións necesarias para obter un título académico, non terán reserva de plaza, polo que para continuar os seus estudos deberán presentar nova solicitude. Os CRD publicarán o número de prazas vacantes na súa páxina web ou no taboleiro de anuncios dentro dos 3 días seguintes á publicación no DOG de hoxe, unha vez que a dirección xeral de Centros emita unha estimación nominativa das reservas.

Prazos de presentación

O prazo para presentación das solicitudes en período ordinario abarca para os demandantes matriculados en bacharelato, entre o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e o 11 de xullo de 2014; mentres que para os que a requiran e estean matriculados en ciclos formativos, entre o día seguinte ao da publicación no DOG e o 18 de xullo de 2014.

A relación provisional de admitidos e excluídos, no caso dos últimos coa causa de exclusión correspondente, publicarase conxuntamente antes do 31 de agosto de 2014, a través da páxina web da consellería e do taboleiro de anuncios ou da páxina web do respectivo centro residencial.  Os interesados poderán formular reclamación ante a comisión de valoración no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación. A difusión dos listados definitivos de excluídos e admitidos, incluirá a causa de exclusión ou a puntuación definitiva dos admitidos e daranse a coñecer antes do 15 de setembro de 2014 a través da páxina web da consellería ou no taboleiro do centro residencial.

A tramitación de solicitudes de praza en período extraordinario para os centros que teñen prazas vacantes, trala adxudicación inicial, será entre o 15 e o 30 de setembro de 2014, ambos incluídos. A publicación do listado provisional terá lugar o 6 de outubro, podendo interpoñer reclamación até o 8 de outubro. O definitivo publicarase o 15 do devandito mes.

Criterios de valoración

As solicitudes valoraranse conforme a criterios socioeconómicos, como a composición da unidade familiar, a orfandade ou calquera outra situación familiar especial; o número de habitantes do lugar de residencia da unidade familiar; e renda da mesma; e a criterios de rendemento académico.