Cultura e Educación concederá 113 bolsas para impulsar a formación en idiomas dos estudantes universitarios a través de estadías no estranxeiro este verán

A Consellería vén de publicar a proposta de resolución destas axudas, que se enmarcan na súa aposta pola aprendinzaxe de lingua

Neste sentido cómpre lembrar que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a capacidade de estudo e traballo

Ven, 13/06/2014 - 19:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria concederá, segundo a proposta de resolución publicada hoxe, 113 axudas para que o alumnado universitario poda mellorar o seu coñecemento de idiomas en estadías nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán de 2014. Froito da súa aposta pola aprendizaxe de linguas, a Consellería mantivo este ano o mesmo orzamento para estas axudas, un total de 124.300 euros, a través do que se concederán bolsas dun máximo de 1.100 euros por estudante. O obxectivo é facilitar a igualdade de oportunidades de todo o estudantado para acadar a excelencia, así como estimular a mobilidade dos universitarios galegos. Neste sentido cómpre lembrar que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior(EEES) esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a capacidade de estudo e traballo.

Por universidades, 50 beneficiarios estudan na Universidade de Santiago de Compostela, 20 na Universidade da Coruña, e 43 na Universidade de Vigo. Os países de destino polo que maioritariamente optaron para ir a cursar un curso de idiomas foron Reino Unido (46), Irlanda (21), Malta (20), Alemaña (9), Francia (9), Italia (6), Portugal (1) e Bélxica (1).

Desde o seu inicio no curso académico 1990-1991 ata o ano 2013, 2.297 universitarios do SUG beneficiáronse da “bolsa de 2ª lingua”.

Menús News node R