A Consellería de Cultura e Educación concederá 1.289 axudas complementarias para o Programa Erasmus

O departamento educativo da Xunta de Galicia acaba de publicar a proposta de resolución da convocatoria, á que destinou 1’3 millóns de euros

Cada bolseiro recibirá unha contía fixa de 80 euros mensuais, un 14,3% máis que o ano anterior

A maiores a Consellería concedeu aos mellores expedientes académicos unha achega extra de 500 euros, qure recibirán un total de 871 bolseiros

Ven, 13/06/2014 - 19:00
 A Consellería de Cultura e Educación concederá 1.289 axudas complementarias par
A Consellería de Cultura e Educación concederá 1.289 axudas complementarias para o Programa Erasmus

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a proposta de resolución das  axudas complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario de mobilidade Erasmus e Suíza, para estudante que participan nesta acción no curso 2013/2014; ao abeiro da que concederá 1.289 bolsas.

A Consellería de Cultura e Educación mantén este ano un orzamento de 1.300.000 euros para esta convocatoria, que fora incrementada nun 30% no ano 2013. Así, todos os bolseiros recibirán un mínimo fixo de 80 euros mensuais – un 14,3% máis que no curso anterior- durante a súa estadía no estranxeiro, ata un máximo de 9 meses.  Ademais, a Consellería recoñece nesta convocatoria a excelencia académica cunha achega adicional – nunha única entrega- de 500 euros para os mellores expedientes. Un total de 871 bolseiros accederán a esta contía adicional, para a que a nota de corte quedou nun 6,29.

Por universidades, 480 beneficiarios estudan na Universidade de Santiago de Compostela, 367 na da Coruña, 439 na UVigo e 3 na UNED. No que atinxe aos países de destino, o máis representativo é Italia, con 263 bolseiros, seguido de Polonia (212), Portugal (142), Francia (95), Reino Unido (83) e Alemaña (81).

Estas accións son compatibles coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral e de mobilidade para estudantes universitarios convocadas polo Ministerio de Educación e coas axudas que para este fin destina a Unión Europea, no marco do Programa de aprendizaxe permanente. Como accións complementarias que son, cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter estatal e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do Ministerio.