Educación recorda que o financiamento das universidades galegas para o vindeiro ano diminúe só un 2,5%

A redución global é de 11 millóns de euros para A Coruña, Santiago e Vigo, e non de 29 como afirman

Mar, 29/12/2009 - 08:42

A Secretaria Xeral de Universidades da Consellería de Educación recorda que no 2010 as universidades galegas recibirán 11 millóns de euros menos de orzamento que o pasado ano, o que se traduce nunha redución de só o 2,5% no plan de financiamento. Unhas cifras que distan moito dos 29 millóns que desde A Coruña, Santiago e Vigo aseguran que non percibirán para o vindeiro curso.

Educación recorda que a terxiversación das cifras non axuda a ninguén, senón todo o contrario xa que dan unha sensación de inestabilidade educativa que non se corresponde coa realidade. Desde as universidades transmítese unha falta de realismo e dáse a sensación de que non son realistas e non ser quen de asimilar a situación financeira pola que está a atravesar o país, e que posiblemente sexa unha das maiores crises económicas dos últimos cen anos. Por este motivo, todos os axentes sociais teñen que axustar a súa economía á realidade que se está a vivir. Isto tamén acontece coa universidade, que do mesmo xeito que o teñen que facer as familias españolas e galegas, así como toda a Xunta de Galicia, concellos, deputacións e empresas; teñen que asumir un inevitable exercicio de austeridade.

Cifras reais

Para axustarse a esta realidade os orzamentos das universidades galegas para o 2010 son lixeiramente inferiores aos do ano que remata. Con todo, lonxe do descenso difundido por elas, a Consellería recorda que en realidade a redución é dun 2,5%, o que se traduce en 11 millóns de euros menos. Como se pode observar, esta cifra e case a terceira parte dos 29 millóns aludidos polos máximos responsables dos centros de estudos non obrigatorios en Galicia. Uns números que non se axustan á realidade e que nos reitorados obteñen de manipular as cifras, sumando os recortes non só desta Consellería senón de outras fontes de ingresos que as universidades xestionan.

De este modo, para o2010 a baixada do 2,5%, son 393 millóns de euros, fronte aos 404 do presente ano, incluíndo os fondos de i+d+i.

Se consideramos só os fondos que proveñen da Consellería de Educación, a diminución sitúase en dezaseis millóns menos, ao redor dun 5%. Esta cifra, que é a habitualmente empregada polas universidades, resúmese en cinco millóns menos para as Universidades de A Coruña e Vigo, e seis para a Universidade de Santiago.

Orzamentos das universidades galegas

Fronte a estas cifras, o reitorado de Vigo está a dicir que se lle reduce a achega incondicionada de 87 a 77 millóns de euros. Isto é inexacto porque emprega unha soa partida, non o total de achegas. Pero, pola contra, non recorda que o complemento do plan de financiamento aumenta nun 116%, pasando de13 a 28 millóns. En definitiva, a Consellería de Educación recorda que en realidade o descenso final será da metade do que asegura o reitor de Vigo. Un recorte que afecta dun xeito proporcional a Universidade de A Coruña, onde o seu reitor foi o único en contar a realidade sen maquillaxes.

Algo semellante acontece na universidade de Santiago de Compostela, se ben no centro de estudos decano de Galicia a situación é moito peor, xa que o seu problema non está nos cartos para o 2010, senón en que para o presente ano os orzamentos non foron reais. As estimacións para 2009 foron ficticias, e as partidas incluían un endebedamento adicional que non foi garantido polo goberno do Bipartito. A esta difícil situación engádense as chamadas partidas de apoio excepcional á USC que nin poden nin deben manterse, xa que supoñen unha discriminación respecto da UVI e da UDC..

A maiores dos despropósitos económicos cometidos , a Universidade de Santiago de Compostela presentou unhas contas nas que computou como ingresos o 70% dos fondos dunha convocatoria do campus de excelencia, que non existía no momento de realizar os orzamentos. A realidade é que tras a resolución da mesma, a USC recibe o 31%, que representan case dous millóns e medio menos dos que xa tiña contabilizados.

Por outra banda nos campus de A Coruña e Vigo, xa teñen aprobados os seus orzamentos, que unha vez equilibrados e adaptados á realidade, permítenlles non só continuar este ano sen problemas, senón que incluso a UDC poderá incrementar a dotación de profesores.

Diversificación nas fontes de financiamento

En opinión da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación a actual situación económica obriga a todos a realizar unha mellor xestión dos fondos, algo que desde as Universidades galegas parecen non querer ou non saber facer. A isto engádese a necesidade de buscar cartos fora da administración, un punto no que as universidades galegas aínda non fixeron o máis mínimo esforzo. Esta fonte de ingresos ten unha gran importancia, tal e como afirmou recentemente o ministro de Educación, Ángel Gabilondo, nunha intervención no Senado, ao sinalar que ¿a converxencia das universidades no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) esixe o incremento e diversificación das fontes de financiamento.

A Consellería de Educación recorda que sempre financiará as actividades das universidades galegas, pero que tamén é preciso que elas traballen na percura de fondos de outros organismos, xa sexan públicos ou de empresas privadas, para programas docentes, sociais e de investigación.

Estes fondos uniríanse aos que reciben cada ano as universidades das diferentes partidas de todas as consellerías da Xunta de Galicia. Todo isto fóra do marco do plan de financiamento ou de axudas directas a grupos de I+D+I, que en 2008 tradúcese en 28 millóns de euros. Destes cartos, entre o 15 e o 20% quedou directamente nas universidades, mentres que o resto foi destinado a traballos de investigación, programas variados, e para aumentar a oferta de másteres.