A Consellería de Cultura e Educación asina o contrato de obras de ampliación do CEIP Sada e os seus contornos, no que investirá máis de 680.000 euros
Os traballos, que teñen un prazo de execución de 6'5 meses, comezarán nos próximos días e cumpren co compromiso da Xunta coa comunidade educativa deste concello
O novo aulario terá unha capacidade de 125 alumnos, así como zonas de servizos común, unha aula de apoio e un local de instalacións
A Consellería de Cultura e Educación e a empresa Obras y Servicios Gómez Crespo S.L. asinaron esta mañá o contrato para a execución das obras de ampliación do CEIP Sada e os seus contornos, nas que o departamento educativo da Xunta de Galicia investirá máis de 680.000 euros. Os traballos, que comezarán nos próximos días e teñen un prazo de execución de 6,5 meses, darán resposta ás necesidades do centro, e supoñen o cumprimento do compromiso adquirido pola Consellería coa comunidade educativa do concello de Sada.
A obra consistirá na construción dun aulario nunha única planta con capacidade para 125 alumnas e alumnos, aproveitando o desnivel da parcela para utilizar a cuberta do novo volume como zona de patio de xogos. A nova edificación - cunha superficie construída total de 498,80 m2- albergará 4 aulas de educación infantil, 1 aula de primaria e 1 aula de apoio-ANPA, ademais dos servizos comúns correspondentes e o local de instalacións.
Ademais, reformarase a zona de aseos da planta soto do edificio existente co fin de crear unha conexión directa entre este e a ampliación. Por último, para mellorar a imaxe do conxunto e poñer en valor o edificio modernista, cambiarase o peche existente na fachada cara o porto deportivo por outro máis permeable que permita ver a fachada e o mar.