Xesús Vázquez Abad incide na necesidade de potenciar os servizos de orientación nos sistemas educativos durante a clausura do ‘Programa Academia’ celebrado no Gaiás
O conselleiro de Cultura e Educación destacou hoxe a importancia do intercambio de experiencias e boas prácticas dos sistemas educativos en xeral e da información e da orientación profesional en particular
Vázquez Abad fixo fincapé na necesidade de potenciar servizos de orientación que proporcionen os cidadáns habilidades coas que xestionar o seu itinerario de formación, a súa propia aprendizaxe e a súa carreira profesional
‘Academia’ é un proxecto de mobilidade anual, incluído no programa ‘Leonardo da Vinci’, dirixido aos profesionais da orientación profesional organizado polo Ministerio de Educación
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; o director xeral de formación profesional do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Ángel de Miguel e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira; asistiron hoxe á clausura do encontro nacional de participantes e coordinadores do proxecto ‘Academia’, englobado no programa ‘Leonardo da Vinci’, e dirixido a profesionais da orientación profesional para o intercambio de experiencias dos sistemas educativos dos países integrantes, así como dos relativos os servizos de información e orientación profesional. Dende os inicios do plan no curso 2001-2002, Galicia participa tanto como socio de acollida como enviando profesionais da orientación a Europa. Neste curso participaron un total de 46 persoas, entre coordinadores autonómicos e representantes ministeriais, ademais dos concorrentes.
Xesús Vázquez Abad enfatizou na transcendencia “do intercambio de experiencias, coñecementos e boas prácticas sobre a situación actual e as perspectivas de futuro dos sistemas educativos en xeral e da información e da orientación profesional en particular” que proporciona este programa. Subliñou que as últimas resolucións do Consello da Unión Europea destacan a necesidade de potenciar os servizos de orientación que faciliten á cidadanía “as ferramentas coas que poder xestionar o seu itinerario de formación, a súa propia aprendizaxe e a súa carreira profesional”, o que supón un asesoramento clave en momentos de transición da súa traxectoria vital, como é o paso do sistema educativo ó mundo laboral. Ao tempo, o conselleiro explicou que o impulso destas prestacións permitirá prestar información sobre as posibilidades de recoñecemento e acreditación das competencias profesionais obtidas ao longo da vida, tanto a través do ensino regrado, como a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación.
Programa Academia
Este proxecto europeo anual de mobilidade está dirixido a orientadores e profesorado de Formación e Orientación Laboral (FOL) e está organizado polo Ministerio de Educación, a través do Centro Nacional de Recursos para a Orientación Profesional (CNROP), en colaboración coas comunidades autónomas. A Consellería de Cultura e Educación pretende favorecer mediante este programa unha mellor preparación para a inclusión no mercado laboral dos alumnos que cursan ciclos formativos. Deste xeito, grazas a iniciativas coma esta, os titulados en graos medio e superior de FP acadan altos niveis de empregabilidade.
Deste xeito, conseguirase poñer en valor a imaxe da Formación Profesional, que se ten convertido nun auténtico sistema de oportunidades de acceso ao emprego e de mobilidade cara aos estudos universitarios. Actualmente todos os centros educativos de secundaria e primaria están dotados de departamentos de orientación. En total está constituída unha rede de 728 profesionais. Este compromiso da Consellería co asesoramento da mocidade entronca co espírito deste programa, de ofrecer aos cidadáns europeos a posibilidade de adquirir a cualificación e as competencias para a integración completa na sociedade e cooperar á mellora da formación profesional mediante unha formación continuada.
Neste encontro nacional os asistentes participaron en distintas actividades como relatorios ou traballos en grupo. Ademais se complementaron con diferentes visitas a centros de formación específica, a un centro de formación e recursos do profesorado, ao equipo de orientación específica de ámbito provincial, ao Museo Pedagóxico de Galicia, e a centros de atención a persoas con discapacidade; ademais de aos servizos de orientación da Administración Local ou ao Vicerreitorado da Universidade de Santiago.