Cultura e Educación participa na entrega dos premios Frei Martín Sarmiento, que outorga o alumnado dos centros de Ferega-Ceca

Na décima edición do certame literario, foron galardoadas obras dos escritores Xesús Fraga, María Solar, Fina Casalderrey e Francisco Castro, Pedro Feijoo, Ramón Caride e Manuel Uhía

A Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, foi o escenario do acto, no que tamén se entregaron os premios REC-curta de audiovisual

Ven, 06/06/2014 - 18:29

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polos secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente, participou esta tarde na entrega dos premios literarios Frei Martín Sarmiento, nun acto que tivo lugar na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura.

A Federación Española de Relixiosos do Ensino de Galicia-Centros Católicos, Ferega-Ceca, promove este certame, que premia as obras seleccionadas en cada categoría polo alumnado, e polos seus pais e nais, dos centros que forman parte da entidade. Na décima edición, as obras galardoadas en educación primaria foron ‘A pomba dona paz’ (Edicións Xerais), de Ramón Caride, na categoría de 1º e 2º cursos; ‘O monstro das profundidades’ (Everest), de Manuel Uhía, na categoría de 3º e 4º; e ‘A verdadeira historia da mosca da tele’ (Editorial Galaxia), de María Solar, na categoría de 5º e 6º.

En secundaria, os gañadores foron Xesús Fraga, pola obra ‘O elefante branco (Edicións do Tambre), na categoría de 1º e 2º da ESO; Fina Casalderrey e Francisco Castro pola obra ‘O neno can’ (Editorial Galaxia), na categoría de 3º e 4º da ESO; e Pedro Feijoo, por ‘Os fillos do mar’ (Edicións Xerais), na categoría de bacharelato e adultos.

Por unha banda, Anxo Lorenzo felicitou o alumnado polas escollas e polo “entusiasmo para celebrar algo tan noso e tan importante como é a lectura en lingua galega”. Tamén lles trasladou a importancia e o valor da lectura, así como de que “termos libros interesantes ao noso alcance, coma os que seleccionastes como gañadores para este ano, ou moitos dos que quedaron fóra, porque en Galicia temos un nivel de calidade que fai difícil decidir o mellor”. Nese sentido, puxo en valor o excelente traballo dos escritores, ilustradores e editores galegos de literatura infantil e xuvenil.

Contribución á normalización lingüística

Por outra banda, Valentín García destacou a importancia dos Premios Frei Martín Sarmiento para promover a lectura en galego e dos Premios REC-curta de audiovisual, que tamén se entregaron no marco do acto, para “fomentar a creatividade na lingua propia de Galicia e o seu uso nos novos espazos e soportes que nos ofrece a sociedade da información”.

En todo caso, o responsable de Política Lingüística tamén quixo lembrar que a contribución de Escolas Católicas Galicia á normalización lingüística, co apoio da Consellería, vai  moito máis alá e “é valiosa precisamente porque cumpre os requisitos dunha boa planificación no eido do ensino: é diversificada e constante ao longo do ano e implica a todos os sectores da comunidade educativa.”

Xosé Francisco Martínez Reboiras, secretario autonómico da Federación Española de Relixiosos do Ensino de Galicia-Centros Católicos, e Esther Balboa, do departamento de Innovación Pedagóxica e Normalización Lingüística, tamén participaron no acto.

Promover o uso do galego desde o ámbito do ensino

Ferega-Ceca vén impulsando desde hai anos os premios literarios Frei Martín Sarmiento e os premios REC-curta, un concurso de curtametraxes en galego, con temática de ficción, para alumnos e alumnas de ensino secundario obrigatorio, bacharelato e formación profesional. Para isto, conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ao abeiro dun convenio de colaboración que inclúe, xunto con estes premios, diversas iniciativas para promover a estima do galego, así como para favorecer o seu uso entre o persoal, o profesorado e o alumnado dos centros da federación.