A Consellería de Cultura e Educación recibiu 85 solicitudes de centros educativos para a posta en marcha do novo proxecto de contidos curriculares educativos dixitais

A convocatoria foi un éxito entre os centros públicos, que representan case o 90% dos proxectos presentados

O número aínda pode aumentar, xa que se están a recibir as últimas peticións desde os rexistros das Delegacións Territoriais

Os contidos serán totalmente gratuítos para as familias, grazas a un investimento de 3,6 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia co que se prevé chegar a 22.500 estudantes no período 2014-2017

Sáb, 07/06/2014 - 12:00
 A Consellería de Cultura e Educación recibiu 85 solicitudes de centros educativ
A Consellería de Cultura e Educación recibiu 85 solicitudes de centros educativos para a posta en marcha do novo proxecto de contidos curriculares educativos dixitais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recibiu xa 85 solicitudes de centros educativos para a posta en marcha do novo proxecto de plataforma de contidos curriculares educativos dixitais, unha convocatoria que foi un éxito entre os centros públicos, que representan case o 90% dos proxectos presentados. Cómpre sinalar que o número de peticións recibidas aínda pode incrementarse, xa que se están a recibir as últimas desde os rexistros das Delegacións Territoriais.

A esta primeira convocatoria puidéronse presentar os centros educativos adscritos á rede Abalar que impartan no curso 2014/2015 ensinanzas de 5º de Educación Primaria; e que cumpran requirimentos como contar cunha conexión de datos cunha velocidade nominal mínima de baixada - que variará segundo o número de aulas vinculadas ao proxecto, dos 2 Mbps aos 10 Mbps-, presentar un proxecto para a implantación do libro dixital ou propoñer unha persoa coordinadora do proxecto.

Está previsto chegar con esta iniciativa a 22.500 alumnas e alumnos no período 2014-2017, para o que a Consellería de Cultura e Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) investirán un total de 3,6 millóns de euros. Nesta plataforma as familias participantes no proxecto poderán ter os contidos curriculares dos seus fillos totalmente gratis.

O proxecto

O proxecto arrancará o vindeiro curso 2014/2015 incorporando a 2.500 alumnos de 5º de primaria. No curso 2015/16 a previsión é que a plataforma estea dispoñible en 5ª e 6ª de primaria e 1º de ESO cun alcance de 7.500 alumnos e que no terceiro ano do proxecto, no curso 2016/2017 sexa empregado por 12.500 alumnos de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO. Así, en 3 anos o proxecto chegará a un total de 22.500 estudantes.

Na plataforma de aprendizaxe virtual, os alumnos poderán acceder tanto de xeito online como off line a contidos curriculares completos e gratuítos para as familias facilitados pola Xunta como a aqueles elaborados polos propios docentes dos centros educativos. Ademais, esta nova ferramenta facilitará o acceso aos contidos de pago de empresas editoras gazas á conexión co Punto Neutro do Ministerio de Educación.