Cultura e Educación participou na XX Edición do “Super Encontro de Familias” organizado en La Salle pola asociación FADEMGA
O director xeral de Educación. F.P e Innovación da Consellería, Manuel Corredoira López, en representación da Consellería participou no acto inaugural da xornada de familias de persoas con discapacidade intelectual
O representante da Xunta subliñou na súa intervención o firme compromiso do seu departamento coa atención á diversidade recollido no real decreto 229/2011 que establece a educación inclusiva como un dereito
A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo director xeral de Educación, F.P e Innovación, Manuel Corredoira, participou na apertura da nova edición do “Super Encontro de Familias” organizado pola Federación de Asociacións en favor de Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (FADEMGA), no colexio La Salle de Santiago. Durante a xornada desenvolvéronse obradoiros, debates e relatorios, co fin de celebrar o aniversario baixo o lema “50 anos de inclusión grazas ás familias”.
Manuel Corredoira, salientou no seu discurso a implicación que comparte a consellería pola atención á diversidade “porque cremos nas súas potencialidades e na súa riqueza”, o que ao seu xuízo supón adecuar e dar resposta ás necesidades e situacións sociais e culturais de todos os afectados.
Loanza de FADEMGA
Tras lembrar que este compromiso se recolle no decreto 229/2011, que establece a educación inclusiva como un dereito dixo que a Xunta comparte coas organizacións e as familias a tarefa de potenciar as fortalezas que ten cada persoa, e compensar aqueles aspectos nos que existen debilidades. Deste xeito asegurou que queda garantida a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a compensación das desigualdades.
Rematou a súa intervención agradecendo a “participación activa e sensata de FADEMGA FEAPS Galicia, e a colaboración que están a prestar para que a educación inclusiva na nosa comunidade sexa un dereito”, á vez que animou á federación a continuar co seu afán de superación para perfeccionar o proceso polo que cada vez máis persoas con discapacidade acaden unha autonomía real e participen plenamente na vida social.