A Consellería de Cultura e Educación participa nas XIII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia no IES “Vilar Ponte” de Viveiro

Os contidos do programa que organiza APETEGA, abranguen dende as técnicas didácticas ou as experiencias innovadoras até as TIC aplicadas ó ensino

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, Manuel Corredoira López, subliñou na súa intervención a importancia que ten a materia de Tecnoloxía na ESO e no Bacharelato

Ven, 30/05/2014 - 20:35

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, Manuel Corredoira López, inaugurou en representación da Consellería de Cultura, Educación e Innovación Universitaria, as XIII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia organizadas pola Asociación de Profesores de Tecnoloxía de Galicia. O responsable da Xunta de Galicia fixo fincapé na relevancia desta materia no currículo de ESO e Bacharelato.

Os encontros desenvólvense entre hoxe venres e mañá sábado en quendas de mañá e tarde cos obxectivos de intercambiar e divulgar experiencias didácticas, material de aula e proxectos relacionados coa área de tecnoloxía, así como a iniciación e perfeccionamento práctico nos distintos ámbitos desta área. Ademais trátase o aumento da intercomunicación educativa para a mellora da calidade do ensino e analízase a situación actual do ensino da tecnoloxía. Os diferentes contidos do programa lévanse a cabo mediante obradoiros prácticos, conferencias e exposicións de proxectos.

Importancia da Tecnoloxía no ensino

 Manuel Corredoira destacou na súa intervención a importancia da presenza da materia de Tecnoloxía nas ensinanzas da ESO e Bacharelato pola axuda, que segundo recalcou, permítelle ao alumnado ter unha visión prospectiva sobre os avances e riscos das sociedades do S.XXI, ademais de fomentar a superación das barreiras de xénero, pola integración de alumnas e alumnos no desenvolvemento de actividades técnicas.

O director xeral expresou o seu desexo de que as xornadas de APETEGA teñan éxito, xa que nelas exprésase o devezo de renovar “a gran rede que sementa a tecnoloxía no ensino galego”. Corredoira concluíu felicitando polo seu traballo ao equipo organizador das xornadas e, ás persoas responsables das comunicacións e dos obradoiros que se realizaron.

Menús News node R