Política Lingüística organiza unha xornada formativa para reforzar a preparación do seu profesorado colaborador

A xornada incide nos contidos dos cursos de linguaxe administrativa dirixidos ao funcionariado da Administración autonómica

Ven, 16/07/2010 - 12:52

A Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela acollerá mañá unha xornada formativa para o profesorado colaborador que impartirá os cursos de linguaxe administrativa de nivel superior dirixidos ao funcionariado da Administración autonómica, que comezan o 5 de setembro e que se levarán a cabo en distintos lugares de Galicia.

Este curso formativo, que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística co fin de reforzar a preparación do seu profesorado colaborador, desenvolverase mañá sábado desde as 9:30 horas ata as 19:00 horas. Ao longo da xornada afondarase en tres grandes tipos de contidos. Durante a mañá incidirase, por unha banda, na calidade lingüística dos textos administrativos e xurídicos, e, por outra, na estrutura e contidos dos documentos administrativos. Xa pola tarde terá lugar un obradoiro práctico no que se traballará sobre o corpus de textos administrativos e xurídicos de nivel superior.

Garantir un modelo de linguaxe administrativa galega de máxima calidade

A través desta iniciativa, Política Lingüística busca incidir na unificación de criterios formais e de redacción da documentación administrativa, nas posibilidades e recursos que existen á disposición do profesorado e mais do alumnado para traballar con autonomía lingüística e mais na consecución dun modelo de linguaxe administrativa galega da máxima calidade.

Novos recursos en galego para os profesionais da Administración

Con fin de garantir un modelo de linguaxe administrativa de máxima calidade, o pasado mes de abril, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo editou o Manual básico de documentación administrativa e xurídica, unha publicación que recolle por vez primeira modelos de documentación xurídica en galego para facilitar e promover o labor dos profesionais da Administración de xustiza nesta lingua.

Esta nova publicación, que tamén inclúe unha versión actualizada do anterior Manual básico de documentos administrativos en galego, establece modelos que pretenden serviren de guía orientativa e clarificadora para o persoal da Administración.
 

Menús News node R