O conselleiro de Educación e Cultura participa nos “II Encontros de Educación Infantil e Primaria

As xornadas organizadas polo CAFI ao abeiro do Plan Anual de Formación do Profesorado, desenvólvense os días 23 e 24 de maio no Auditorio de Novagalicia Banco de Santiago

Ven, 23/05/2014 - 17:27
O conselleiro de Educación e cultura participa nos “II Encontros de Educación
O conselleiro de Educación e cultura participa nos “II Encontros de Educación Infantil e Primaria. Autora: Ana Varela

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, participou hoxe na apertura dos II Encontros de Educación Infantil e Educación Primaria organizados polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), no marco do plan anual de formación do profesorado da Consellería. As xornadas celébranse entre hoxe e mañá no Auditorio de Novagalicia Banco de Santiago. As sesións, conformadas por 12 horas presenciais, reúnen dúas etapas educativas conxuntas, co obxectivo de intercambiar experiencias, incentivar as boas prácticas das aulas e motivar aos docentes destes ciclos formativos.

Arredor de 600 mestras e mestres proxectan nestes encontros, diferentes temáticas que posteriormente serán postas en marcha nos centros educativos, convertendo de novo os encontros nunha actividade xeradora de inquietudes na formación do profesorado que repercutirá na mellora da calidade educativa e dos resultados do alumnado.

Programa e sesións

Os II Encontros de Educación Infantil e Educación Primaria organízanse en dúas xornadas que se desenvolven entre a tarde de hoxe e a quenda completa de mañá sábado. No día de hoxe a temática centrase nas experiencias nos centros educativos en relación co traballo coas emocións, a aprendizaxe coas diferenzas e a actividade coa intelixencia emocional nas aulas. Tras a apertura impártese a conferencia “Un sistema escolar que mira cara adiante” a cargo de Javier Bahón, mestre, pedagogo e formador de formadores.

A xornada matinal do sábado 24 comezará co relatorio de Javier Manuel Valle López, doutor en Ciencias da Educación titulado “As Competencias Clave. Unha proposta supranacional da Unión Europea”, tras o que se levará a cabo unha mesa redonda sobre o Curriculum de Educación Primaria, rematando coa ponencia da experiencia nun centro educativo versada na evolución da metodoloxía tradicional ás competencias clave.

A quenda de tarde comezará coa conferencia “Aprendizaxe-servizo: éxito educativo e compromiso social”, a cargo de Roser Batlle Suñer, pedagoga e emprendedora social, á que seguirá unha sobre a experiencia nun centro educativo, “Participar para pertencer”.
Clausurará os encontros, Beatriz Pilar Campos González, licenciada en Arte Dramático, co relatorio “A escola que escoita contos”.