A Consellería de Cultura e Educación forma a arredor de 200 orientadores nas novas vías para conseguir emprego a través da formación profesional
O obxectivo da xornada formativa céntrase no tratamento das novidades lexislativas e nas novas posibilidades de inclusión laboral
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece hoxe a cerca de 200 profesionais da orientación novas vías para a empregabilidade a través da Formación Profesional, nunha xornada que se celebra no CIFP Politécnico de Santiago.
A subdirectora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez Fernández, abriu a xornada, que comezou coa intervención de Jesús Manuel Rodríguez Buján, xefe do servizo de Ordenación da consellería, na que abordou os cambios normativos e as novidades lexislativas na materia, en concreto no que atinxe á posta en marcha da FP básica que substituirá os Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) e que se aplicará no curso 2014/2015 , ao abeiro da implantación da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa. Esta nova modalidade permitirá ao alumnado obter un título de formación profesional, ao tempo que posibilitará o acceso aos ciclo formativos de grao medio e mesmo acadar o título de graduado na ESO.
A continuación celebrouse unha mesa redonda sobre a Formación Profesional Dual, modalidade que integra os tres piares que sustentan o proceso de formación dun profesional: a formación curricular, o traballo na empresa e a formación complementaria. No relatorio participaron representantes de Talleres de Reparación Aptcor, Finsa e Repsol, empresas que participan no programa da FP Dual.
Orientación e novas vías de emprego
Na quenda de tarde tivo lugar a exposición de José Antonio Jardón, xefe do servizo de Xestión Integrada de Formación Profesional, sobre a orientación e a admisión na Formación Profesional. A xornada concluíu con dúas mesas redondas, unha sobre novas vías cara a empregabilidade, con representantes de empresas que teñen convenios en vigor no ámbito da formación profesional, como Feiraco, Leroy Merlin e Mediamarkt; e outra sobre o papel das redes sociais no autoemprego e na creación de emprego, na que participaron dous ex alumnos da Rede de Viveiros en centros da Consellería de Cultura e Educación, para mostrar a súa experiencia como emprendedores.