O conselleiro de Cultura e Educación asiste á entrega da 42 edición dos Premios Literarios Minerva

Os galardóns, convocados polo colexio Manuel Peleteiro de Santiago, están pensados para alumnos de 3º, 4º de ESO e de Bacharelato, de calquera centro galego

Mar, 20/05/2014 - 18:56
 O conselleiro de Cultura e Educación asiste á entrega da 42 edición dos Premios
O conselleiro de Cultura e Educación asiste á entrega da 42 edición dos Premios Literarios Minerva

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu esta tarde á entrega da 42 edición dos Premios Literarios Minerva, convocados polo colexio Manuel Peleteiro de Santiago para os alumnos de 3ºe 4º de ESO e Bacharelato de todos os centros galegos.

Os estudantes participantes presentaron os seus traballos en galego nas modalidades de poesía e narración, con tres premios para cada modalidade dotados de 600, 400 e 250 euros respectivamente. Aos galardoados fíxoselles a entrega dunha medalla de prata conmemorativa e as súas obras serán publicadas polo centro. 

Fallo do xurado

O pasado xoves 24 de abril, o xurado dos premios literarios Minerva presidido por Manuel Quintáns Suárez e Luís Alonso Girgado, fixo públicos os 3 premiados e os 3 accésits de cada modalidade. Este ano presentáronse un total de 182 traballos, 117 na modalidade de narración e 65 traballos na de poesía.

Na modalidade de narración, o primeiro premio foi concedido a Ana María Añel Prieto (IES Xesús Taboada Chivite, Verín). O segundo premio outorgóuselle a Alba Sofía Naseiro Lamas (IES Basanta Silva, Vilalba), e o terceiro recaeu en Sara Vázquez Mera (IES Val do Tea, Ponteareas).

Os accésits desta modalidade foron, en orde de concesión, para Icía Rodríguez Arias (IES Francisco Aguiar, Betanzos); Pablo Fernández Álvarez (IES Auga da Laxe, Gondomar); e para Marina Ruíz Puy (Colexio M. Peleteiro, Santiago).

Na modalidade de poesía, o primeiro premio recaeu en Antón Blanco Casás (IES Miguel Ángel González Estévez, Carril); o galardoado co segundo foi Paula Antía Rey Baliña (IES Macías o Namorado, Padrón); e o derradeiro premiado desta categoría foi Kai Lois Baltrusch (Colexio M. Peleteiro, Santiago).

Os accésits de poesía foron para Alexandre Fernández Peón (IES Sánchez Cantón, Pontevedra) co primeiro; María Vilas Pazos (IES Macías o Namorado, Padrón) co segundo; e Santiago Alonso Pérez (IES Monelos, A Coruña) co terceiro.