Os centros de ensino poderán presentar ata mañá os proxectos para os Premios de Innovación en Dinamización Lingüística
Esta convocatoria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria busca promover o desenvolvemento de experiencias innovadoras que favorezan o uso do galego
Os centros educativos de Galicia poderán presentar ata mañá os seus proxectos aos Premios de Innovación en Dinamización Lingüística, unha iniciativa coa que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende promover o desenvolvemento de experiencias innovadoras que favorezan o uso da lingua galega.
Con estes premios, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, recoñece os mellores traballos de innovación en materia de dinamización lingüística que se desenvolvan durante o curso 2010-2011. Trátase dunha iniciativa que pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos, facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade desta lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz.
Segundo se recolle na bases dos premios, os proxectos de innovación en dinamización lingüística deberán fomentar algún ou varios dos seguintes aspectos: o galego oral, coa creación de novos ámbitos de uso que favorezan a utilización desta lingua dentro e fóra das aulas; o achegamento ao galego e ao coñecemento da realidade sociocultural galega por parte do alumnado procedente do estranxeiro e das súas familias; a colaboración con entidades culturais, asociativas, recreativas e deportivas, así como coas empresas locais, para favorecer o emprego da lingua galega e mellorar a súa valoración social; e a relación da lingua galega coas tecnoloxías da información e da comunicación.
Recoñecemento ao labor do profesorado
As iniciativas seleccionadas recibirán unha dotación económica de 3.000 euros. Ademais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística prestará o asesoramento necesario durante o desenvolvemento do proxecto e organizará unha xornada de formación para o profesorado implicado nas iniciativas gañadoras.
O departamento que dirixe Anxo Lorenzo difundirá as experiencias que se seleccionen e mais os materiais educativos producidos no enderezo web http://www.xunta.es/linguagalega/.