Cultura e Educación leva á capital de Galicia a exposición itinerante sobre Xosé María Díaz Castro no mes das Letras
Logo de iniciar en Guitiriz o seu percorrido por Galicia o pasado 19 de febreiro, a mostra ‘Nimbos de luz’ poderase visitar na Biblioteca Pública Ánxel Casal do 10 ao 26 de maio
A iniciativa, que itinerará por 15 concellos galegos, forma parte do programa de actividades co que a Xunta de Galicia difunde a vida e a obra do poeta lucense, autor ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o 17 de maio
No marco da celebración das Letras Galegas, a Consellería participa mañá na homenaxe que o Concello de Parada de Sil lle rende a Xosé Elías Ferreiro Álvarez
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria difunde na capital de Galicia a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado en 2014 con motivo das Letras Galegas. Faino a través da exposición itinerante ‘Nimbos de luz’, que, logo do seu paso polos concellos de Guitiriz, Vigo, Pontevedra e Cerceda, chega á Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, onde se poderá visitar desde o 10 ata o 26 de maio.
Os departamentos de Cultura e de Política Lingüística da Consellería promoven esta exposición, que está comisariada por Alfonso Blanco Torrado, por Luís González Tosar e por Armando Requeixo. A través de 14 paneis temáticos, que se completan cunha parte audiovisual, na que se inclúe a proxección do documental ‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo, ‘Nimbos de luz’ permite unha importante aproximación á obra do poeta, tradutor e intelectual de Guitiriz.
A exposición, que se acompaña de folletos ilustrativos nos que se reflicte o contido da mostra, forma parte da programación que a Consellería de Cultura e Educación está a promover este ano arredor das Letras Galegas.
Unha mostra itinerante para achegarlle á cidadanía a figura de Díaz Castro
A mostra ‘Nimbos de luz’ comezou a súa itinerancia o pasado febreiro na vila natal de Díaz Castro, en Guitiriz. Logo do seu paso por Santiago de Compostela, as seguintes paradas serán a A Estrada (do 28 de maio ao 11 de xuño), Redondela (do 13 ao 29 de xuño), Vilagarcía de Arousa (do 1 ao 30 de xullo), Mondoñedo (do 1 ao 29 de agosto), A Coruña (do 2 ao 16 de setembro), Lugo (do 18 ao 30 de setembro), Ourense (do 2 ao 16 de outubro) e A Rúa (do 18 de outubro ao 3 de novembro), Cee (do 1 ao 14 de decembro) e, finalmente, Celanova (do 16 ao 30 de decembro).
Acto literario en Parada de Sil
No marco da celebración das Letras Galegas, a Consellería de Cultura e Educación, representada polo seu secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participará, mañá, 11 de maio, na homenaxe que o Concello de Parada de Sil lle rende a Xosé Elías Ferreiro Álvarez, ‘Xoel Ferral’, veciño do lugar que, ademais de ser autor de poemas e contos en galego, recompilou numerosos refráns ao longo da súa vida.
Desde hai anos, o concello ourensán vén celebrando, arredor das Letras Galegas, unha xornada de homenaxe para recoñecer o labor e o esforzo de veciños e veciñas deste lugar que contribuíron ao desenvolvemento da cultura e á utilización da lingua galega.