Xesús Vázquez salienta no décimo aniversario do Bosch Communication Center o papel fundamental da educación no progreso da sociedade e na súa recuperación económica
O conselleiro de Cultura e Educación participou hoxe na conmemoración dos 10 anos en Galicia da empresa, coa que o seu departamento vén de asinar un proxecto de FP dual
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe nos actos do décimo aniversario do Bosch Communication Center en Galicia, celebrados no IFEVI de Vigo, onde salientou o papel fundamental da educación na recuperación económica e no progreso dunha sociedade. Lembrando a posición vantaxosa de Galicia respecto de outras Comunidades Autónomas para a saída da crise, Vázquez Abad sinalou que “a Educación tamén fai rico a un país, respondendo ás necesidades sociais e adaptándose ás demandas da contorna laboral para contribuír á tan necesaria creación de emprego”.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou ademais a importancia da formación ao longo da vida, unha das liñas prioritarias de actuación da Consellería. “O mercado laboral esixe altos niveis de produtividade e calidade e, nun momento en que precisamos elevar os niveis de ocupación para saír desta crise, apostar pola formación é, sen dúbida, o máis rendible”, dixo, explicando que a Xunta de Galicia está a seguir a estratexia de crecemento da Unión, Europa 2020, “na procura dunha economía baseada no coñecemento e na innovación, que reforce os vínculos entre educación, empresa e investigación e promova o espírito emprendedor desde todos os ámbitos posibles”.
Aposta pola formación profesional
Neste sentido, Vázquez Abad lembrou a aposta que se está a facer pola FP en Galicia a través da adaptación de currículos á nosa realidade socioeconómica, a ampliación e potenciación da rede de Centros Integrados de Formación Profesional e a aposta decidida pola FP Dual, no marco da cal a Consellería vén de asinar un convenio de colaboración Bosch Communication Center. “Esta potenciación está abrindo para Galicia novas vías, achegando a formación ás empresas para responder ao que demandan os empregadores; afondando na relación bidireccional centro-empresa; e fomentando a mellora da competitivade e da calidade no tecido empresarial de Galicia”, sinalou.
O conselleiro agradeceu a colaboración de Bosch neste eido da FP, así como a aposta da empresa por Galicia e por Vigo, “ao chegar a unha década de vida empregando directa e indirectamente-a máis de mil oitocentas persoas” na cidade.
Durante o acto o conselleiro estivo acompañado polos responsables de Bosch Communication Center a nivel mundial, de España e Portugal e rexional, así como polo polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.
FP dual
A Consellería vén de asinar con Bosch un convenio de colaboración para a posta en marcha dun novo proxecto de formación profesional dual no IES Ricardo Mella de Vigo para 12 alumnas e alumnos do ciclo de grao superior en Administración e finanzas.
O proxecto terá unha duración de 4.800 horas, ao longo de 3 cursos. Delas, 1.796 serán de formación, das que 1.590 corresponderán a formación curricular que permitirá ao alumnado obter o título de formación profesional (1.050 horas impartiranse no IES Ricardo Mella e as outras 540 horas de formación curricular completaranse na empresa), e 206 horas serán de formación complementaria propia da empresa, adicional á establecida no currículo do ciclo.