Galicia reduce no primeiro trimestre do 2014 a súa taxa de abandono educativo temperán ao 18,6 %, a máis baixa dende que se rexistran datos
A taxa rebaixouse de forma significativa nos últimos anos, quedando por primeira vez por debaixo dos 20 puntos a media dos últimos catro trimestres
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o dato coñecido hoxe a través do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre a taxa de abandono educativo temperán, que se reduce en Galicia ao 18,6% no primeiro trimestre do ano 2014, a máis baixa desde que se rexistran datos ao respecto. É a primeira vez, ademais, que a media dos catro últimos trimestres baixa dos 20 puntos, ao quedar situada no 19,9%
Cómpre salientar que nos últimos anos este dato rebaixouse desde a media do 25,8% do 2009 (novo dato obtido do IGE) ata a cifra actual, a máis baixa nun trimestre, e que rebaixa en 1,2 puntos os datos do mesmo período do 2013. Co fin de seguir mellorando estas cifras, a Consellería séguese a traballar a prol dun ensino de calidade a través da introdución de medidas innovadoras e de reforzo das competencias básicas como son os contratos-programa, na procura da excelencia nos nosos centros de ensino. Tamén se veñen desenvolvendo diferentes programas educativos en torno a liñas estratéxicas como o impulso da FP, a atención á diversidade ou a mellora da convivencia nas aulas.