A Rede de Dinamización Lingüística pon en marcha a súa programación anual con dous tipos de obradoiros para xente moza

Son actividades contempladas na programación da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) aprobada no seu último Consello de Membros

Os obradoiros de teatro cómico e de clown, que comezaron esta fin de semana en Boiro, chegarán a 24 localidades da RDL e rematarán coa representación dunha peza creada polos asistentes

Haberá tamén 15 obradoiros de radio que irán precedidos dun concurso de cuñas orientadas a promover o uso e a valoración social do galego

Dom, 27/04/2014 - 11:00
A Rede de Dinamización Lingüística pon en marcha a súa programación anual con do
A Rede de Dinamización Lingüística pon en marcha a súa programación anual con dous tipos de obradoiros para xente moza

A Rede de Dinamización Lingüística, liderada pola Consellería de Cultura e Educación e da que forman parte máis de 150 entidades locais, pon en marcha a súa programación anual con dous obradoiros dirixidos a adolescentes. Trátase de actividades interactivas, que promoven a participación en galego dos asistentes, así como a reflexión sobre a lingua e o rexeitamento dos prexuízos que poidan inhibir o seu uso.

Dinamización a través do teatro

Onte deu comezo en Boiro o Obradoiro de Teatro Cómico e de Clown, que terá varias sesións ata completar as 15 horas de duración. Durante o seu desenvolvemento, os asistentes crearán unha peza de teatro que representarán ante todo o público interesado, con entrada de balde, o día 3 de maio. 

Dende hoxe ata finais de ano continuarán desenvolvéndose obradoiros e representacións teatrais en Arteixo, Betanzos, Boiro, Brión, A Coruña, Cerceda, Ferrol, A Laracha, Padrón, Ribeira, Viveiro, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ribadavia, Verín, Cangas, Forcarei, O Grove, Marín, Ponteareas, Silleda, Soutomaior e Tui.

O galego na onda

Paralelamente, botou a andar o concurso de curtas de radio O Galego na Onda na Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e mais nos concellos de Ames, Corcubión, Fene, Melide, Santa Comba, Burela, Palas de Rei, Quiroga, O Carballiño, Cambados, A Estrada, Lalín, Mos e Tui.

O premio para os rapaces e rapazas que, durante o Mes das Letras, fagan en cada unha destas localidades as cuñas publicitarias que mellor promovan o galego será un obradoiro de comunicación radiofónica que se desenvolverá nas dependencias de cada emisora municipal. No marco dese obradoiro, gravarán un programa que será emitido por esa mesma emisora.

Ademais, os gañadores entrarán nunha segunda fase do concurso de ámbito autonómico en que a súa cuña competirá coas dos gañadores das outras localidades.

Colaboración entre administracións

A posta en marcha destas actividades require a colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, e mais das entidades locais en que se celebra.

Precisamente, a Rede de Dinamización Lingüística creouse co obxectivo de promover, reunir e coordinar os esforzos das distintas administracións a prol da promoción da lingua galega. Na actualidade conta con máis de 150 entidades que traballan consonte a unha programación conxunta que se elabora anualmente.

Acción planificada

Os obradoiros de teatro cómico e de radio foron incluídos na planificación anual da Rede de Dinamización Lingüística que desenvolveu para o ano 2014 un grupo de técnicos desta entidade. A dita planificación, que consta doutras 11 medidas normalizadoras inspiradas nos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua galega, foi elevada ao Consello de Membros da RDL, que a aprobou na súa sesión ordinaria do 30 de decembro de 2013.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación completa esta planificación cos programas FalaRedes e Os Axóuxeres, tamén dirixidos a entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística dende que esta foi creada no ano 2011.