'FalaRedes', de Cultura e Educación, achega a xente miúda ao galego de xeito lúdico e divertido co concerto 'Toc Toc' e a obra de teatro 'As fabas máxicas'

No marco do programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ambas as dúas propostas de lecer continúan coas súas xiras polos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL)

O espectáculo musical de Pablo Díaz visitará esta fin de semana as vilas pontevedresas de Ponteareas, Vilagarcía de Arousa e Mos, mentres que a peza de Caramuxo Teatro poderá verse nas localidades coruñesas de Fene e Boimorto

Sáb, 26/04/2014 - 12:00
'FalaRedes', de Cultura e Educación, achega a xente miúda ao galego de xeito lúd
'FalaRedes', de Cultura e Educación, achega a xente miúda ao galego de xeito lúdico e divertido co concerto 'Toc Toc' e a obra de teatro 'As fabas máxicas'

O programa de fomento do galego FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, continúa dinamizando a nosa lingua a través da música e o teatro cos espectáculos Toc Toc e As fabas máxicas, que esta fin de semana chegan a outros cinco concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

O musical do coñecido artista coruñés Pablo Díaz fai parada hoxe en Ponteareas, ás 12:00 horas no Auditorio Severiano Soutullo; e en Vilagarcía de Arousa, ás 18:00 horas no Salón García da Casa da Cultura; mentres que mañá, domingo, será o tamén concello pontevedrés de Mos o que acolla un concerto ás 18:00 horas no Pazo de Mos.

Pola súa banda, a obra de Caramuxo Teatro, que propón unha nova versión do coñecido conto infantil Xan e as fabas máxicas, poderá verse hoxe na localidade coruñesa de Fene, ás 12:00 horas na Casa da Cultura, e mañá en Boimorto, tamén na provincia da Coruña, ás 17:30 horas na Casa da Cultura.

Coma sempre en FalaRedes, o acceso a estas propostas de lecer é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Música e teatro en galego para o público familiar

Estas dúas primeiras actividades da terceira edición de FalaRedes están dirixidas ao público familiar, nomeadamente á xente miúda, co obxectivo de achegarlle o galego dun xeito lúdico e divertido.

Co Toc Toc cada concerto convértese nunha festa na que a cativada baila e canta no noso idioma, actuando así a música como fonte de transmisión do galego, ao promover que os pequenos sigan cantando as cancións tras finalizar a actividade. E coas Fabas máxicas perséguese que os nenos e nenas se acheguen á dramaturxia na nosa lingua por medio dunha obra de coidada estética na que o humor, a emoción e a palabra van da man.

Coas actuacións desta fin de semana o Toc Toc pecha unha xira dentro do FalaRedes 2014 que o levou en exclusiva a 20 concellos da RDL, mentres que As fabas máxicas retoma tras un breve descanso en Semana Santa unha programación coa que ata xuño chegará a 22 localidades das catro provincias galegas.

Toc Toc

Destinado a nenos e nenas de 3 a 10 anos de idade e ás súas familias, neste musical a cativada cántalle á alegría e á amizade, á vez que aprende valores como a paz ou o ecoloxismo, dun xeito lúdico e co galego como lingua.

Toc Toc rima con rock, pop, folk e tamén con soul, que neste espectáculo se mesturan coa tradición galega, ao cobraren protagonismo sobre o escenario os romances infantís O piollo e a pulga e Mazarico

As fabas máxicas

Dirixida a xente miúda a partir de 4 anos, As fabas máxicas é un espectáculo contado en primeira persoa, no que o propio Xan nos narra a súa sorprendente historia coa axuda duns simpáticos monicreques. Tras criarse na aldea con súa avoa, Xan vive agora de adulto nun apartamento de Nova York. Un día, coidando as plantas da súa terraza, descobre algo que lle fai lembrar unha infancia chea de aventuras.

Logo das actuacións desta fin de semana, a proposta de Caramuxo Teatro continuará en maio co seu itinerario polos concellos da RDL, facendo parada en Lourenzá, Cerceda, Corcubión, O Rosal, Xove, Ordes, Brión, Val do Dubra, Noia e A Pobra do Caramiñal. Xa no mes de xuño, Xan e os seus monicreques atoparanse coa veciñanza de Vilalba, Celanova, Tui, Lalín, Ponteceso, A Veiga, Cee e Pontedeume.

FalaRedes

Ata finais de ano, FalaRedes 2014 chegará á totalidade de concellos da RDL con 150 novas propostas de dinamización lingüística, reforzando así a súa oferta de ocio na lingua propia de Galicia. A RDL é unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para unha mellor planificación e coordinación do fomento do noso idioma no eido da Administración local, e que na actualidade conta con preto de 160 entidades adscritas.

Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e nas redes sociais.

Menús News node R