A Consellería de Cultura e Educación participa nos II Encontros de centros para unha convivencia positiva

A rede organizadora desta xornada xurdiu dos centros educativos participantes na liña de contratos-programa da Consellería dirixida á mellora da convivencia escolar

Xov, 24/04/2014 - 17:48
 A Consellería de Cultura e Educación participa nos II Encontros de centros para
A Consellería de Cultura e Educación participa nos II Encontros de centros para unha convivencia positiva

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou esta tarde nos II Encontros de Centros para unha Convivencia Positiva, unha xornada organizada por unha rede de centros conformada a partires da súa participación na liña de mellora da convivencia escolar da convocatoria de contratos-programa do departamento educativo da Xunta de Galicia, no marco do seu firme compromiso coa mellora do clima das aulas galegas. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, representou á Consellería na apertura destes encontros, que se celebran hoxe e mañá na Cidade da Cultura de Galicia e no IES Antonio Fraguas.

A iniciativa foi organizada polos IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), Xulián Magariños (Negreira) e Fin do Camiño (Fisterra); e conta tamén coa participación dos IES Carlos Casares (Viana do Bolo), de Brión, Fontexería (Muros), Pobra do Caramiñal, Isidro Parga Pondal (Carballo), Elviña (A Coruña), Nº 1 (Ribeira), Castro Alobre (Vilagarcía), de Rodeira (Cangas de Morrazo), Mestre Landín (Marín), Maximino Romero de Lema (Zas), Fragas do Eume (Pontedeume), Neira Vilas (Oleiros), Leliadoura (Ribeira), Alfonso X O Sabio (Cambre) e do Centro Residencial Docente da Coruña.

Formación a alumnos, docentes e familias

Os encontros, unha reunión de diferentes centros que comparten unha mesma visión sobre a construción dunha convivencia positiva na escola, contemplan formación específica tanto para o profesorado e as familias, como para as 75 alumnas e alumnos mediadores participantes. O obxectivo é crear unha rede de apoio entre centros de ensino para o intercambio de experiencias, o traballo en rede e a elaboración e o desenvolvemento de proxectos educativos integrais de cultura de paz. Preténdese, a partires do traballo realizados nestas xornadas, implantar nos centros participantes ferramentas organizativas para a xestión pacífica dos conflitos e para a construción dunha convivencia positiva nas aulas; así como formar, asesorar e divulgar os materiais necesarios aos centros que sexen establecer novas estratexias de xestión de conflitos. 

Entre os reponsables dos diferentes relatorios e obradoiros participan figuras de prestixio como o presidente da asociación CONVIVES, Pedro Mª Uruñuela Nájera; José María Avilés Martínez, membro do Grupo Internacional de Investigación Educación para a Paz; Vicenç Rul.Ian Castañer, licenciado en psicoloxía e Master en resolución de conflitos e mediación; ou Gorka Ruiz, presidente do Foro de Asociacións de Educación en Dereitos Humanos e pola Paz do País Vasco. Da formación do alumnado mediador estarán encargados Cruz Vermella Xuventude, o alumnado de Artes Escénicas do IES Antonio Fraguas, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO), e a responsable da inicitiva de intervención socioeducativa ADOLESÁN, Andrea Valcárcel.