O conselleiro de Cultura e Educación comparte a celebración do Día do Libro co alumnado do CEIP das Fontiñas

Xesús Vázquez Abad participou na entrega de agasallos do certame ‘Mulleres que fan historia’, convocado pola biblioteca do centro

A actividade enmárcase na ampla programación da Consellería e os seus centros dependentes este 23 de abril

Mér, 23/04/2014 - 13:15
Xesús Vázquez Abad participou na entrega de agasallos do certame ‘Mulleres que f
Xesús Vázquez Abad participou na entrega de agasallos do certame ‘Mulleres que fan historia’, convocado pola biblioteca do centro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, compartiu esta mañá a celebración do Día Internacional do Libro co alumnado do CEIP das Fontiñas, en Santiago de Compostela,  no marco da programación de actividades que as bibliotecas escolares están a desenvolver nesta data. Acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; o conselleiro participou na entrega dos agasallos do certame ‘Mulleres que fan historia’, convocado pola biblioteca do centro. Este xogo-concurso tivo como obxectivo implicar a todo o alumnado de primaria na investigación e busca de información. Para iso, as alumnas e alumnos tiveron que adiviñar a que mulleres da historia e da actualidade, destacadas en diversos ámbitos, correspondían certas imaxes colocadas no taboleiro do centro.

Ademais deste acto de entrega de galardóns, o CEIP das Fontiñas organizou para hoxe unha lectura continuada de obras por parte do alumnado do centro, unha actividade pensada tamén desde a biblioteca escolar en prol da animación á lectura e do fomento deste hábito entre os máis novos. Neste sentido o conselleiro felicitou á comunidade educativa polo traballo desenvolvido neste espazo, que está ademais integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) da Consellería, así como no Proxecto Abalar. A celebración de hoxe completouse coa proxección de ‘O homiño de papel’,  protagonizado polo alumnado de 2º de primaria, e de ‘El cuento de los cuentos’.

No caso da etapa de Infantil e dentro do proxecto ‘En feminino’, as alumnas e alumnos están a elaborar un libro personalizado baseado nas lecturas de ‘As tres mellizas’, ’Mary Poppins’ e ‘Pipi Långstrump’. Ademais, o CEIP regalou un marcapáxinas conmemorativo do Día do Libro; e ten instalada unha exposición de traballos escolares relacionados con esta conmemoración no 2º andar do centro.

Programación especial

Estas actividades enmárcanse na ampla programación especial da Consellería neste Día do Libro, data na que as bibliotecas escolares teñen preparadas diferentes iniciativas, desde obradoiros a encontros con autores, lecturas colectivas, apadriñamentos lectores, exposición e intercambio de libros, etc. nun programa de actividades que se estende polo que se recoñece como “Abril, mes dos libros”.

No caso das bibliotecas nodais, ademais da súa habitual oferta de actividades, prepararon para esta data visitas guiadas, obradoiros, conferencias e sorteos de libros, que se completarán coa liberación de libros –bookcrossing– en centros museísticos dependentes da Consellería. Tamén coincidindo con esta data, a Biblioteca de Galicia está a agasallar cun libro ás persoas que visiten este espazo da Cidade da Cultura o día 23 pola mañá.

Ademais, o departamento educativo da Xunta de Galicia vén de editar un marcapáxinas con forma de libro conmemorativo desta celebración cun texto de Paco Martín, autor do libro ‘As cousas de Ramón Lamote’ (o primeiro libro galego que obtivo o premio “O barco de vapor”, o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil e fixo a súa entrada na prestixiosa lista dos White Raven da biblioteca de Múnic). Este marcapáxinas pode consultarse no enlace http://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=node/652.

Trátase dunha iniciativa que se realiza anualmente nesta data, centrado na primeira ocasión no texto de Carlo Frabetti “O liberespazo”, ao que seguiron en anos seguintes un poema de Gloria Sánchez, unha estrofa de Ramiro Fonte e outros textos da autoría de Carlos Negro,  Paula Carballeira, Juan Mata ou Agustín Fernández Paz.