A Consellería de Cultura e Educación abre a convocatoria para a integración de novos centros educativos no Plan de mellora de bibliotecas escolares

Un total de 524 colexios e institutos públicos participan actualmente no PLAMBE, aos que está previsto unir 26 máis o vindeiro curso

A iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2010-2015 de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe

Xov, 17/04/2014 - 10:00
A Consellería de Cultura e Educación abre a convocatoria para a integración de n
A Consellería de Cultura e Educación abre a convocatoria para a integración de novos centros educativos no Plan de mellora de bibliotecas escolares

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a convocatoria para que os centros educativos públicos presenten a súa solicitude para se integraren no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) o vindeiro curso 2014/2015. Neste momento participan nesta iniciativa, enmarcada no Plan LÍA 2010-2015 de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe, un total de 524 centros de ensino públicos de Galicia, aos que está previsto que se unan ao abeiro desta nova convocatoria un total de 26.

Dos centros participantes neste curso 2013/2014 , a maior porcentaxe son CEIP, un 52%, mentres que o 31% son IES e o 8% son centros públicos integrados (CPI). Así, acóllense a esta iniciativa o 66% dos IES de Galicia, o 57% dos CEIP de máis de 6 unidades; así como o 61% CPI, nos cales estuda maioritariamente alumnado de zonas rurais.

A nova convocatoria reafirma a posición das bibliotecas escolares como unha das liñas prioritarias de actuación do departamento educativo da Xunta de Galicia para a mellora dos resultados académicos do alumnado, así como para a adquisición das competencias básicas na súa formación. Neste sentido, o plan busca integrar a biblioteca escolar no desenvolvemento do proxecto educativo do centro, como fonte de recursos en diversos soportes para o seu aproveitamento transversal no currículo escolar. Así mesmo, desde a biblioteca promóvese a alfabetización informacional, básica para o alumnado nos tempos actuais, así como a promoción do hábito lector e o achegamento á cultura dixital, proporcionando neste último caso ademais ferramentas para o uso axeitado das novas tecnoloxías como fonte de documentación e información. As novas bibliotecas escolares son, así mesmo, espazos de encontro entre os distintos sectores da comunidade educativa e contribúen á formación lectora de pequenos e maiores.

Requerimentos

Os centros educativos poderán solicitar a incorporación a este programa ata o 10 de maio, para o que terán que presentar un proxecto para a biblioteca, cunha xestión centralizada dos fondos documentais e unha organización que permita o seu aproveitamento por parte de toda a comunidade escolar. Entre outros requisitos, será necesario que se designe un docente responsable da biblioteca escolar, así como un grupo de apoio ao mesmo.

Entre os criterios valorables terase en conta a calidade e viabilidade do proxecto presentado, a súa integración nas actuacións dirixidas á adquisición de competencias básicas por parte do alumnado e ao cumprimento dos obxectivos previstos no proxecto educativo, as actividades realizadas ata o momento na biblioteca, a implicación do equipo directivo e o profesorado no funcionamento deste espazo, así como os servizos ofertados pola biblioteca á comunidade escolar, entre outros. A convocatoria pode consultarse no portal educativo, no enlace /portal/node/12185 .

A incorporación dos centros de ensino a este plan supón un apoio extra por parte da Administración educativa para a actualización dos fondo bibliotecarios, a renovación do mobiliario e doutros equipamentos necesarios para a prestación dos servizos da biblioteca. Á súa vez, os responsables destas bibliotecas pasan a formar parte dunha rede profesional na que se intercambian experiencias, propostas e informacións relacionadas coas bibliotecas e as súas funcións nos centros; reciben asesoramento e seguimento continuado por parte da Asesoría de bibliotecas escolares da consellería, e participan nunha actividade de formación específica: os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, que se celebran anualmente en Compostela e nos que, ademais de exemplos de boas prácticas, teñen a oportunidade de coñecer as últimas investigacións en materia de lectura e traballo coa información, entre outros temas de interese.