A mostra coa que a Consellería de Cultura e Educación, o Parlamento galego e a RAG conmemoran o 50º aniversario das Letras Galegas chega a Lugo
O conselleiro visitou ’51 páxinas das nosas Letras’, que abre hoxe as súas portas no Museo Interactivo da Historia de Lugo
A exposición achegará durante este ano as medallas conmemorativas dos autores homenaxeados o 17 de maio desde 1963, que a Cámara galega aloxa na súa Sala das Letras Galegas, a numerosos puntos da nosa xeografía
A mostra coa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Parlamento de Galicia e a Real Academia Galega conmemoran o 50º aniversario das Letras Galegas chegou hoxe ao Museo Interactivo da Historia de Lugo. O conselleiro, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe a exposición, que achegará durante este ano as medallas conmemorativas dos autores homenaxeados o 17 de maio desde 1963, que a Cámara galega aloxa na súa Sala das Letras Galegas, a numerosos puntos da nosa xeografía.
Na mostra ’51 páxinas das nosas Letras’ colaboran a Xunta de Galicia -por medio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- o Parlamento galego e a Real Academia Galega para achegarlle á cidadanía os persoeiros aos que as Letras Galegas homenaxearon desde a instauración da súa celebración, o 17 de maio de 1963, no ano en que a efeméride chega ao seu 50º aniversario.
Integran a exposición un total de 51 medallas conmemorativas dos e das homenaxeadas, que aloxa a Cámara galega na súa Sala das Letras Galegas e que cada ano confeccionan, por encarga do Parlamento de Galicia, o caricaturista Siro López e o escultor Manuel Ferreiro. Complétanse cos perfís biográficos de cada autor, cun vídeo divulgativo e cunha edición conmemorativa que se pode descargar, de balde en formato dixital, no seguinte enlace web http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/Publicacions/51%20paxinas%20das%20nosas%20letras.pdf
A mostra, que iniciou a súa itinerancia en decembro de 2013 cunha primeira parada na propia sede parlamentar, xa visitou as cidades da Coruña e de Ferrol, así como O Carballiño, Celanova e Ourense. Nas vindeiras semanas a exposición pasará por Madrid; para retomar nos mes de xuño a súa itinerancia na provincia ourensá nas localidades de Xinzo de Limia, Verín e O Barco de Valdeorras.