O novo sistema de Cultura e Educación para o acceso aos libros de texto manterá o seu compromiso co apoio ás familias con menos recursos e incorporará as novas tecnoloxías

Así o explicou o conselleiro no Parlamento de Galicia, onde lembrou que o préstamo do Bipartito só cubría o 80% dos manuais dun alumno, e que un 30% adquiría ademais un segundo xogo de libros

Vázquez Abad sinalou que o seu departamento se adaptará aos tempos posibilitando os bancos de libros nos centros

Mér, 09/04/2014 - 14:37
 O novo sistema de Cultura e Educación para o acceso aos libros de texto manterá
O novo sistema de Cultura e Educación para o acceso aos libros de texto manterá o seu compromiso co apoio ás familias con menos recursos e incorporará as novas tecnoloxías

O novo sistema da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o acceso aos libros de texto manterá o seu compromiso co apoio ás familias con menos recursos e incorporará “unha oferta de material educativo dixital para cumprir o dobre obxectivo de facilitar ás familias o acceso ás TIC e a unha máis doada renovación do material co que estudan os seus fillos”. Así o explicou hoxe o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, durante a súa intervención no Parlamento, na que lembrou que o sistema de préstamo universal do Bipartito “só cubría o 80% dos libros de texto dun alumno. É dicir, moitos pais tiñan que pagar do seu peto parte dos libros, case un 20% en moitos niveis; e, asemade, máis do 30 por cento do alumnado que participaba no programa de préstamo adquiría un segundo xogo de libros de texto pola súa conta”.

Así mesmo, o conselleiro sinalou que o seu departamento vén de considerar o espírito das recomendacións da Defensora del Pueblo no informe ‘Gratuidad de los libros de texto: programas, ayudas, préstamos y reutilización’; adaptando medidas “para posibilitar a reutilización dos libros, para a incorporación de contidos dixitais e tamén posibilitando os bancos de libros”. “Unha Administración responsable tamén debe permitir e alentar experiencias xurdidas da propia sociedade, como os bancos de libros das ANPAs, e propiciar que a solidariedade e a cooperación poidan estenderse ao conxunto do sistema educativo da nosa comunidade.”, dixo.

Respecto do devandito estudo lembrou tamén que del “pode extraerse a análise de que, mentres noutras Comunidades Autónomas o escenario de crise económica significou a progresiva retirada de financiamento dos libros de texto, en Galicia foi asumida a realidade que implicaba ser máis eficientes no gasto e houbo un importante esforzo por pagar os libros das familias que máis o necesitaban”.

No relativo á función dos manuais no escenario da aplicación da Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que a nova normativa “fomentará unha aprendizaxe con menos memorización de contidos e máis adquisición de competencias, e os libros de texto serán material de apoio”.