Un estudo conclúe que os titulados universitarios en Galicia entran no mercado laboral en menos de catro meses

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, deu a coñecer a publicación xunto á presidenta e o director da ACSUG, Patrocinio Morrondo e José Eduardo López, respectivamente

Mar, 06/07/2010 - 14:26
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; xunto á presid
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; xunto á presidenta e o director da ACSUG, Patrocinio Morrondo e José Eduardo López na comparecencia ante os medios para detallar os datos do estudo.

Máis do 66% dos estudantes universitarios que remataron a carreira no curso 2006-2007 atopan o seu primeiro traballo nos seguintes catro meses á súa graduación. Unha conclusión que se extrae da publicación “Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia 2006-2007”, presentado hoxe polo secretario xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, José Alberto Díez de Castro. Xunto a el estiveron a presidenta e o director da Axencia da Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG), Patrocinio Morrondo e José Eduardo López Pereira, respectivamente.

Durante a súa intervención, o secretario xeral de Universidades dixo que “podemos presumir de ter unha das mellores axencias de calidade universitario do sistema universitario español que, ademais de ser membro de pleno dereito da rede europea é unha das catro seleccionadas para a comisión que establece o protocolo de seguimento de títulos que será de obrigado cumprimento para todas as universidades españolas”. No relativo ao estudo, Díez de Castro sinalou que “este tipo de estudos se converte nun referente fundamental para o Sistema Universitario Galego (SUG) posto que o alumnado coñecerá cales son as titulacións que teñen maior empregabilidade. E como tal quedará reflectido nun indicador que medirá os resultados docentes no novo plan de financiamento”.

A publicación está enmarcada dentro dos estudos de inserción laboral realizados periodicamente pola ACSUG, que permiten dar a coñecer- en termos xerais- a porcentaxe de titulados traballando, as vías para atopar traballo, e os factores máis valorados para a contratación, entre outros aspectos.

Os integrantes da mostra

Na mostra participaron preto de 5.000 persoas que remataron os estudos en Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias, Enxeñaría e Arquitectura e Humanidades. As conclusións obtidas permiten dicir que o 66,11% dos estudantes están a traballar, e que lograron o seu primeiro emprego nun tempo medio de catro meses, sendo os máis rápidos os titulados en Enxeñaría e Arquitectura, que empregaron menos de tres meses en entrar no mercado laboral.

O estudo conclúe que no momento do buscar traballo o máis valorado polos contratadores e a experiencia laboral relacionada co posto demandado, así como a actitude mostrada durante a entrevista e a disponibilidade para mobilidade xeográfica. A hora de continuar no posto de traballo, o que máis se valora e a capacidade para o aprendizaxe, para resolver problemas e para comunicar así como a motivación e a adaptabilidade.

Do mesmo modo o estudo conclúe que o 33,7% dos titulados universitarios desa promoción están a realizar estudos complementarios e o 29,5% preparan unha oposición.

A historia do estudo

Con este estudo continúase co proxecto de seguimento que comezou co seguimento realizado sobre os titulados de 1996-1997 e 2000-2001, así como de os períodos bianuais 2001-2003 e 2003-2005. Unha iniciativa que se consolidou co estudo de inserción laboral 2005-2006.

O obxectivo principal destes estudos é coñecer a realidade laboral dos titulados no Sistema Universitario Galego (SUG), así como obter unha visión retrospectiva do seu paso pola universidade. Estes estudos realízanse unha vez que os estudantes rematan a titulación, e ao longo dos dos anos seguintes, polo que se está a falar sobre titulacións recentes. A publicación divide as conclusións en catro bloques temáticos: o relativo á descrición da poboación, a estadía na universidade, o acceso ao emprego e a situación laboral actual